A andoriña na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Niño de andoriñas no Pazo de Fefiñáns.
Andoriñas en Pinzás, Tomiño.

Antigamente a andoriña consagrábase aos deuses penates (protectores dos fogares), tal como menciona Claudio Eliano, e xa daquela ninguén as mataba. Considerábanse o heraldo da primavera e en Rodas tiñan un cántico para celebrar a chegada das andoriñas nas súas migracións anuais [1].

En Galicia, de acordo coa cultura tradicional galega, considérase unha ave sagrada que hai que respectar e protexer [2]. É popular a lenda que conta que as andoriñas arrincaron as espiñas da coroa que levaba Xesús Cristo, e que do sangue deste vén a mancha vermella que amosan no seu pescozo [3]. Por esta razón son aves que ninguén molesta nin se lle vai ós niños [4]. Así mesmo, desta crenza procede a consideración das andoriñas como protectoras das casas nas que aniña: crese que traen boa sorte e por iso favorécese que aniñen na casa [5]. Mesmo se cre que matar unha andoriña ou destruí-lo seu niño é un pecado e que quen o faga sufrirá axiña unha desgraza na súa casa (Risco, Rodríguez López [6])

Considéranse agoiros do tempo que vai facer: cando as andoriñas voan baixo é que vai cambia-lo tempo.

A Virxe de Padrón leva unha andoriña na coroa e por iso corre un cantar no que se di que O Señor bendiga â ave que leva nosa Señora (Rodríguez López).

A andoriña na terapéutica popular[editar | editar a fonte]

Chámase pedra alidoña (ou simplemente alidoña) unha concreción calcárea que disque se forma no estómago ou na moela das andoriñas. Utilízase para curar feridas, por simple contacto coa pel, ou certas infeccións [7].

Tamén existe a herba andoriña ou herba da andoriña, máis coñecida cos nomes de celidonia e ceruda (Chelidonium majus) [8], que antigamente se cría boa para as enfermidades dos ollos. Este uso medicinal, que tamén se chegou a aplicar ás propias andoriñas [9], vén da antiga crenza de que os polos de andoriña nacían cegos pero a nai curábaos ó refregarlles os ollos cun anaco desta herba [10].

Sinonimia e léxico derivado[editar | editar a fonte]

Andoriña no libro Nederlandsche Vogelen, Volume 1 (1770).

Outros nomes que recibe a andoriña son os seguintes: andolía, colandrilla. No galego-asturiano: andolía e golondría [11]

Cos nomes de andoriña ou anduriña desígnanse tamén os seguintes animais:

  • un molusco, a zamburiña, antes Pectunculus hirundo e hoxe Chlamys varia.
  • un peixe (Trigla hirundo, hoxe Chelidonichthys lucerna), máis coñecido como escacho.
  • Baixo a forma andoriña do mar designa dúas aves mariñas [12]:

Tamén designa a ovella que guía o rabaño.

Anduriño é tamén nome dun peixe que o Padre Sobreira describe como Pez pequeño; de forma y color de trucha, y de igual o mejor gusto, con manchas doradas: carne blanca. Vienen por Marzo; en Abril son raros: en años secos son más abundantes. Parecen ser los escalos de Ponte Aréas, y son los reos del Avia.

Tamén di Sobreira que co adxectivo anduriño se designa en Ribadavia a persoa que anda lixeira e que aguanta moito. Eladio Rodríguez González aumenta o significado a quen é rápido ó camiñar, traballar, decidirse e mesmo que fala rapidamente.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • Amigo polo seu proveito, andoriñas no teito.
  • Andoriña a rente da auga, choiva na cama.
  • Andoriña que alta voa non teme que chova [4].
  • Andoriña que voa a rentes da terra, chuvia venta [13].
  • Andoriñas a rente da auga, chuvia por palla.
  • Andoriñas a rentes da auga, chuvia na praia [13].
  • Anduriña a rentes da auga, chuvia na praia [14].
  • Anduriñas arrentes da auga, chuvia na praia [15].
  • Caga máis un boi que cen andoriñas [4].
  • Día de san Xosé, primeira andoriña se ve.
  • Máis caga un boi que cen anduriñas [16][17].
  • Máis come un boi que cen anduriñas [16] [18].
  • Nin un dedo fai man, nin unha andoriña fai vran.
  • Por san Reimundo a andoriña vén do outro mundo [19].
  • San Raimundo, a andoriña trai do outro mundo.
  • San Reimundo tira a andoriña do outro mundo e san Cebrián vólvea a levar [20].
  • Se queres saber cando é abril a anduriña viracho dicir.
  • Unha andoriña non fai vrau [1].
  • Unha anduriña soila non fai verau [4].
  • Vale máis unha cagada de vaca que cen de andoriña.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • ¡Ai, quen anduriña fora, / anduriña da outra banda, / que ao meu amor un suspiro / no piquiño lle levara! [21].
  • Catro aves escollidas/ son as que pasan o mar:/ o cuco e a andoriña,/ a rula e o paspallás.
  • Catro aves escollidas/ son as que pasan o mar:/ o cuco e maila anduriña,/ a rula i o paspallás [22].
  • Catro aves voadoras/ son as que pasan o mar:/ a anduriña e mailo cuco;/ a rula i o paspallás [23]([24].
  • Quixera ser dos paxaros / que anduriña se lle chama / para facer o meu niño / ó pé da túa ventana.

Adiviñas[editar | editar a fonte]

  • Cen golondrinas/ e un golondrón,/ un mete e saca/ e un quita e pon.[25].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Marcial Valladares Núñez (1884).
  2. Quintía Pereira, 34.
  3. Unha lenda semellante corre respecto ó paporroibo.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Eladio Rodríguez González, s. v. anduriña.
  5. Quintía Pereira, 34.
  6. Aínda así, este último afirma que este pájaro es de los más dañinos para la agricultura, pues se alimenta con preferencia de abejas.
  7. Eladio Rodríguez, s.v. Alidoña; Quintía Pereira, 38.
  8. E. Losada, J. Castro e E. Niño: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega (1992).
  9. "Comidas as andoriñas aguzan moito a vista, para o cal tamén serve a cinza das andoriñas" (Dioscórides).
  10. Xosé Ramón Mariño Ferro recolle así as teorías expostas por Aristóteles: "Polo que atinxe ós polos da andoriña, se, cando son aínda novos, lles pica un os ollos, os referidos polos despois sandan e ven" e Plinio o Vello: "A andoriña amosóuno-lo poder curativo para a vista da celidonia ó tratar con esta planta a inflamación dos ollos dos seus pequenos".
  11. Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández y Fernández: Vocabulario del bable de occidente, Madrid, 1932. Citado polo Diccionario de Diccionarios.
  12. A denominación está motivada pola semellanza coa andoriña común. Ríos Panisse (1983).
  13. 13,0 13,1 Eladio Rodríguez González, s. v. anduriña. No orixinal: arrentes.
  14. Lino Lema Bouzas, 2.
  15. Clodio González Pérez, Refraneiro do mar.
  16. 16,0 16,1 Eladio Rodríguez González, s. v. boi.
  17. Eladio Rodríguez González, s. v. cagar.
  18. Eladio Rodríguez González, s. v. comer.
  19. San Reimundo celébrase o 7 de xaneiro, pero estes refráns deben referirse a san Reimundo Fitero, o 15 de marzo.
  20. San Cibrao, 16 de setembro.
  21. Real Academia Galega1913.
  22. Xaquín Lorenzo Fernández, 61.
  23. Eladio Rodríguez González, s. v. ave.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández, 218. No orixinal: máilo, pazpallar.
  25. Solución: as patacas no pote.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]