Anders Zorn

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anders Zorn
Nome completoAnders Leonard Zorn
Nacemento18 de febreiro de 1860
Lugar de nacementoMora Parish e Mora
Falecemento22 de agosto de 1920
Lugar de falecementoMora Parish e Mora
SoterradoMora old cemetery
NacionalidadeSuecia
EtniaSuecos
Alma máterAcademia Real de Artes da Suécia
Ocupaciónpintor, escultor, acuarelista, gravador, fotógrafo, gravador e artista gráfico
PaiLeonhard Zorn
NaiGrudd Anna Andersdotter
CónxuxeEmma Zorn
Coñecido porRainha Sofia, Morgonbad e In Wikströms studio
PremiosCabaleiro da Lexión de Honra
Na rede
Musicbrainz: 3a6d780f-f7ee-44e5-ba33-f35c64f37451 WikiTree: Zorn-191 Find a Grave: 7960943 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Anders Leonard Zorn, nado en Mora (Dalarna, Suecia) o 18 de febreiro de 1860 e finado na mesma localidade o 22 de agosto de 1920, foi un pintor impresionista, escultor e gravador sueco.

Biografía[editar | editar a fonte]

Fillo de Grudd Anna Andersdotter e Leonhard Zorn non chegou a coñecer ao seu pai e foi criado polos seus avós. Comezou os seus estudos en 1872 na escola de Enköping e tres anos despois matriculouse na Academia das Artes de Estocolmo, onde permaneceu ata 1880. O mesmo ano no que rematou os seus estudos coñeceu a Emma Lamm, a que sería a súa muller, coa que casou en 1885.

Obra[editar | editar a fonte]

Viaxou por Europa e ao seu paso por España interesouse pola obra de Velázquez, polo que comezou a experimentar cos distintos efectos sobre a auga, tal e coma ese pode observar no lenzo Vacacións de Verán (Sommarnöje) de (1886). Posteriormente viaxou a Francia onde adquiriu unha considerable sona, establecendo así a súa residencia en París. Na Exposición Universal de París de 1889 foi nomeado Cabaleiro da Lexión de Honor francesa e consolidouse coma un dos pintores máis importantes da época, chegando incluso a recibir unha invitación para expoñer o seu autorretrato na Galería Uffizi.

Converteuse nun dos pintores de retratos máis recoñecidos internacionalmente na súa época, o que lle outorgou un lugar entre os principais persoeiros da vida cultural parisiense da primeira metade do século XIX. Con motivo da Exposición Internacional de Columbia (1893), realizou a primeira de varias viaxes aos Estados Unidos, o que posibilitou que contase con tres presidentes americanos entre os seus modelos: Grover Cleveland (1899), Theodore Roosevelt (1905) e William Taft (1911).

En 1896 Zorn e a súa muller regresaron a Mora. O artista comezou a amosar unha crecente preocupación pola conservación do folclore musical sueco, preocupación que plasmou nas súas obras. Así, abordou temas de carácter popular nas súas pinturas, coma poden ser escenas costumistas propias do pobo sueco. Un bo exemplo é o lenzo Baile de solsticio de verán (Midsommardans) de (1897), que representa a uns bailaríns baixo a luz crepuscular nunha celebración rural do acontecemento.

Na súa obra ao óleo o pintor amosa un naturalismo próximo ao impresionismo no que se aprecia a influencia de Velázquez, mentres que nos seus gravados percíbense uns trazos soltos que revelan a influencia de Rembrandt. En total consérvanse 289 gravados do autor [1].

Realizou asemade un gran número de acuarelas, especialmente durante os seus primeiros anos de matrimonio, alentado pola súa muller. Entre outras destacan Vacacións de verán (Sommarnöje) e a que é a súa acuarela máis famosa, O noso pan diario (Vårt dagliga bröd), ambas de 1886.

Son tamén famosos os seus nus, serie que comezou durante a súa estancia en Francia, entre os que destacan Ao aire libre (Outdoors) e As bañistas, ambas de (1888). No campo da escultura realizou obras de carácter naturalista en pequeno formato, coma Baño matutino (1909), así coma obras de carácter público, tal coma a Estatua de Gustav Vasa (1903).

Algúns dos seus traballos máis importantes están expostos no Nationalmuseum de Estocolmo. Outros museos que albergan as súas obras son o Museo de Orsay en París e o Museo Metropolitano de Arte en Nova York.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Tras o seu pasamento, a súa muller fundou en 1939 o Museo Anders Zorn, situado na súa cidade natal. Nel amósase unha mostra representativa dos traballos do artista en todas as súas facetas.

No ano 1960, con motivo do centenario do nacemento do pintor, editouse un selo postal adicado a el no que a imaxe é a súa obra en augaforte Autorretrato, de 1904 [2]. Asemade, outra das súas obras foi impresa coma selo postal, Hins Anders, O Violinista de 1904 [3][4]}</ref>. Esta obra estivo exposta na Thielska galleriet de Estocolmo ata que foi roubada o 20 de xuño de 2000, e está aínda desaparecida[5].

Galería de obras[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Biografía de Anders Zorn
  2. "Imaxe do selo postal adicado a Anders Zorn". Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2016. Consultado o 22 de agosto de 2018. 
  3. "Reprodución de Hins Anders en selo postal". Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2010. Consultado o 23 de febreiro de 2010. 
  4. "Stamp: Music (Sweden) (Music) Mi:SE 1257,Sn:SE 1473e,Yt:SE 1239,AFA:SE 1249,Fac:SE 1274". Colnect (en inglés). Consultado o 22 de maio de 2019. 
  5. Nova sobre o roubo de O Violinista

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]