Castelo de Roslin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Roslin
edificio categoría A e monumento planificado

Acceso ó castelo de Roslin desde a ponte, amosando o lado leste trala casa do garda.
Coordenadas55°51′09″N 3°09′36″O / 55.8526, -3.16002Coordenadas: 55°51′09″N 3°09′36″O / 55.8526, -3.16002
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(século XIV-XVII)
Véxase tamén
Castelos de Escocia
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Roslin (Roslin Castle en inglés, ás veces escrito como Rosslyn) é un castelo parcialmente en ruínas situado preto da localidade de Roslin, en Midlothian, Escocia, Reino Unido. Atópase a uns 15 km ao sur de Edimburgo, ao norte do North Esk, a tan só uns centos de metros da capela de Rosslyn.

O lugar foi fortificado no século XIV pola familia Sinclair, condes das Orcadas, aínda que as ruínas actuais pertencen a datas algo posteriores. O castelo foi reconstruído despois de ser destruído en 1544 durante a guerra do Rough Wooing. Esta estrutura, construída nos cantís de Roslin Glen, permaneceu parcialmente habitable desde entón. O acceso ao castelo vén dado por unha ponte elevada que substituíu a unha ponte levadiza anterior. O castelo foi restaurado nos anos 1980 e agora serve de residencia de vacacións.

Historia[editar | editar a fonte]

O primeiro castelo foi construído nos anos 1330 por Henry Sinclair, conde das Orcadas. Os Sinclair, ou St. Clair (tamén escrito antigamente como Sanctclare), era unha familia de orixe normanda, con posesións en Lothian desde 1162. A fortaleza edificouse sobre un promontorio rochoso cerca do lugar onde se librou a batalla de Roslin, onde os escoceses derrotaron aos ingleses en 1303. A finais do século XIV ou a principios do XV, o fillo de Henry I, Henry II das Orcadas, construíu unha nova torre da homenaxe rectangular, coa esquina suroeste redondeada.[1] Ao patio accedíase mediante unha ponte levadiza sobre un foso artificial, e que daba acceso a un pasadizo cuberto (pend) na pequena galería de tiro ao lado norte.[2]

Imaxe do castelo.

O castelo viuse afectado por un incendio en 1452.[3] Durante a Idade Media, foi un scriptorium, do que cinco manuscritos "St. Clair", anteriores a 1488, consérvanse na Biblioteca Nacional de Escocia.[4] Estes manuscritos inclúen o manuscrito Rosslyn-Hai, que se cre que é o texto máis antigo que se conserva en lingua escocesa. A lenda conta que durante o incendio, o conde estaba consternado polos valiosos manuscritos que albergaba o castelo, pero estes puideron ser salvados grazas a que o seu capelán os botou pola xanela a un lugar seguro. O castelo foi seriamente danado polo conde de Hertford, quen o incendiou en 1544 durante a guerra do Rough Wooing. A torre da homenaxe foi destruída case na súa totalidade, aínda que aínda pode verse un dos muros en ruínas que se conservou.[5]

O castelo foi reconstruído a finais do século XVI. Sobre a aba da rocha levantouse unha nova construción de cinco plantas no lado leste e reconstruíuse a casa do garda, esta vez cunha ponte de pedra. A parte superior ao lado leste renovouse en 1622 con detalles renacentistas e esculturas na porta e nos marcos das xanelas. En 1650 volveu ser atacado, esta vez pola artillaría do comandante de Oliver Cromwell en Escocia, George Monk. Foi novamente danado por unha multitude de reformistas durante a Revolución Gloriosa de 1688.[5]

Esborrallouse no século XVIII, aínda que parte do lado leste sempre permaneceu habitable, sendo restaurada polos arquitectos Simpson e Brown entre 1982 e 1988.[6] O actual propietario, o conde de Rosslyn, descendente dos Sinclair, aluga o castelo como lugar de vacacións a través de Landmark Trust.[7] Está categorizado como Scheduled Ancient Monument e na Listed Building do Reino Unido atópase categorizado como Category A.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Plano do castelo.
O muro oeste, coa torre da homenaxe en ruínas ao fondo.
Fachada do lado leste, amosando as grandes xanelas das habitacións principais na parte superior e as pequenas da área do servizo na inferior.

O castelo atópase nunha forte pendente sobre unha curva que describe o río North Esk, que o protexe en tres dos seus lados. Abriuse unha brecha no lado norte do promontorio rochoso co obxectivo de construír un foso para ofrecer maior protección ao castelo. O acceso desde Roslin realízase a través deste foso, grazas a unha ponte escarpada e a casa do garda que se atopa en ruínas.

Ruínas[editar | editar a fonte]

Os restos da entrada e da zona norte comprenden tan só fragmentos de muros e un lado do arco de entrada, e sobre el os restos dunha garita. Ao longo do lado oeste do castelo, mantense en pé o muro do século XV, de considerable altura. Esta sección do muro ten seis aberturas na base, das que unha delas servía de poterna. Na parte exterior, as seis aberturas están divididas por contrafortes redondeados. Antigos bosquexos mostran garitas sobre cada un destes contrafortes, cun corredor sobre un muro que as conectaba.[8]

Ao sur deste muro atópase o muro que queda da torre da homenaxe. O montículo sobre o que se atopa está formado polos cascallos procedentes dos outros tres muros. As ruínas indican que a torre debía ter uns 12 ou 16 metros de altura, cuns muros de 2,9 m de grosor, e que terminaba nun matacán.[9]

Lado leste[editar | editar a fonte]

A parte leste, que foi restaurada, mide entre 31 e 10 metros de altura e termina cun tellado inclinado e un piñón con chanzos. Ao edificio accédese mediante unha entrada ricamente esculpida que data de 1622, que amosa as iniciais SWS de sir William Sinclair e que leva á terceira planta. As tres plantas inferiores están escavadas na rocha e cada unha delas ten catro habitacións abovedadas, cunha quinta habitación na torre sueste. Estes niveis inferiores eran usados como habitacións destinadas ao servizo, atopándose as habitacións principais nos dous pisos superiores. A cociña atopábase no piso inferior, cunha panadaría por encima. O lado sur conta con seteiras e no lado leste hai varios buracos producidos por impactos de proxectís.[2]

Os cinco pisos están conectados por unha escaleira stair-and-platt, engadida a principios do século XVII para substituír unha escaleira de peaxe no suroeste. As habitacións dos pisos superiores contan con impresionantes paneis e ceos rasos decorados. O vestíbulo principal, situado na parte sur do bloque, foi dividido, pero segue contando cun gran fogar coas iniciais WS e JE, de William Sinclair e a súa esposa Jean Edmonstone, gravadas e que datan de 1597.[9]

O castelo na cultura popular[editar | editar a fonte]

Walter Scott celebrou a paisaxe pintoresca de Roslin Glen, sobre os que se asenta o castelo, nos seus poemas. Richard Hewitt de Cumberland escribiu unha balada chamada Roslin Castle no século XVIII.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. As fontes sobre a data de construción son confusas. Coventry (2001) suxire que a torre da homenaxe ten a súa orixe no século XIV, mentres que Salter (1994) afirma que quen construíu a torre foi William Sinclair. O National Monuments Record of Scotland dá a data como «sobre 1390», aínda que o Listed Building Report afirma que data de «finais do século XV».
  2. 2,0 2,1 McWilliam (1978), pp. 418-420.
  3. National Monuments Record of Scotland.
  4. Ralls, pp. 196-197.
  5. 5,0 5,1 Coventry, pp. 557-558.
  6. Thomas (1995).
  7. "The Landmark Trust Availability List" (PDF) (en inglés). Landmark Trust. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 21 de marzo de 2007. Consultado o 11 de abril de 2008. 
  8. McWilliam (1978) cita imágenes en The Genealogy of the Saintclaires of Rosslyn del padre Richard Augustine Hay (1661-c. 1736), publicado en 1835.
  9. 9,0 9,1 Salter (1994).
  10. "Broadside ballad entitled 'Roslin Castle'" (en inglés). National Library of Scotland. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 14 de abril de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]