Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logotipo da CEDAW (siglas en inglés da Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller)

A Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller (CEDAW, polas súas siglas en inglés) é un tratado internacional adoptado en 1979 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Descrito como unha declaración de dereitos internacional para a muller, entrou en vigor o 3 de setembro de 1981 e foi ratificado por 188 estados. Máis de cincuenta países que ratificaron a Convención fixérono suxeitos a determinadas declaracións, reservas e obxeccións, incluíndo 38 países que rexeitaron a aplicación do artigo 29, que se ocupa dos medios para arranxar controversias no tocante á interpretación ou aplicación da Convención.[1][2] A declaración de Australia destacou as limitacións do poder do goberno central como resultado do seu sistema constitucional federal. Os Estados Unidos e Palau asinaron, pero non ratificaron o tratado. A Santa Sé, Irán, Somalia, Sudán do Sur, Sudán e Tonga non son asinantes da Convención.

A Convención[editar | editar a fonte]

A Convención define a discriminación contra a muller nos termos seguintes:

Toda distinción, exclusión ou restrición baseada no sexo que teña por obxecto ou por resultado minguar ou anular o recoñecemento, desfrute ou exercicio da muller, independentemente do seu estado civil, sobre a base da igualdade do home e a muller, dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais nos eidos político, económico, social, cultural e civil ou en calquera outro eido.
Asemblea Xeral da ONUCEDAW (Artigo 1)

Tamén estabelece unha axenda de acción para poñer fin á discriminación baseada no sexo:

Os Estados deben tomar medidas para tentar eliminar os prexuízos e costumes baseados na idea da inferioridade ou da superioridade dun dos sexos ou nos roles femininos e masculinos estereotipados.

O Convenio require ós Estados ratificantes, para consagrar a igualdade de xénero na súa lexislación interna, derogar todas as disposicións discriminatorias da súa lexislación, e estabelecer novas para protexer da discriminación á muller (artigos 2 e 3). Porén, a protección especial da maternidade non se considera discriminación de xénero (artigo 4). Tamén require tomar medidas axeitadas, incluídas as lexislativas, para suprimir todas as formas de tráfico de mulleres e a prostitución forzada (artigo 6). Ademais, esixe a igualdade de oportunidades na educación para as estudantes de sexo feminino e o estímulo da educación mixta (artigo 10). Asemade, deben estabelecerse tribunais e institucións públicas para garantir ás mulleres unha protección eficaz contra a discriminación, e tomar medidas para eliminar todas as formas de discriminación contra a muller practicadas por persoas, organizacións e empresas (artigo 2.e).

O Convenio coas Resolucións 1325 e 1820 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas[editar | editar a fonte]

Mapa mundial sobre o cumprimento do CEDAW no 2010.

O 10º aniversario da Resolución 1325 puxo de manifesto os mecanismos da CEDAW[3][4][5]

o 10º aniversario da Resolución 1325 do Consello de Seguridade da ONU sobre Mulleres, Paz e Seguridade, en outubro de 2010, puxo en relevo a crecente demanda de rendición de contas sobre a súa aplicación. Moitos expresaron a súa preocupación polo feito de que só 22 estados membros dos 192 adoptaran plans de acción nacionais. As mulleres aínda estaban infrapresentadas se non totalmente ausentes na maioría das negociacións de paz oficiais e a violencia sexual nos conflitos continuaban aumentando.

Estas realidades puxeron énfase na necesidade de empregar outros mecanismos legais para dar azos á posta en funcionamento da Resolución 1325, particularmente a CEDAW. Os mecanismos estabelecidos da CEDAW: o informe de cumprimento dos Estados membros e o proceso de presentación de informes alternativos da sociedade civil foron citados como poderosos instrumentos para asegurar a rendición de contas.

Diversas reunións rexionais e internacionais, incluíndo o Seminario de Alto Nivel «1325 in 2020: Looking Forward…Looking Back» (1325 en 2020: Mirando cara ó futuro... Mirando cara a adiante), organizado polo African Center for the Constructive Resolution of Disputes (Centro Africano para a Resolución Construtiva de Disputas), e a «Stockholm International Conference 10 years with 1325 – What now?» (Conferencia Internacional de Estocolmo: E agora que?) fixeron unha chamada a prol do emprego da CEDAW para mellorar a aplicación da resolución 1325.

Intersección entre a Resolución 1325 do Consello de Seguridade e a CEDAW[6]

Aínda que a CEDAW e as resolucións 1325 e 1820 sobre Mulleres, Paz e Seguridade do Consello de Seguridade da ONU son importantes instrumentos internacionais, tamén hai unha intersección entre as tres normas que se pode empregar para mellorar a súa aplicación e impacto.

As resolucións 1325 e 1820 amplían o eido de aplicación da CEDAW ó clarexar a súa pertinencia para todas as partes en conflito, mentres que a CEDAW achega orientación estratéxica concreta respecto das accións que se teñen que adoptar nos amplos compromisos descritos nas dúas resolucións.[7]

A CEDAW é un tratado internacional de dereitos humanos que debe ser incorporado naa lexislación nacional como norma do máis alto nivel respecto dos dereitos das mulleres. Obriga ós estados membros da ONU que o ratificaron (185 até a data) a poñer en marcha mecanismos para a realización plena dos dereitos das mulleres.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. un.org, ed. (10 de abril de 2006). "Declarations, Reservations and Objections to CEDAW" (en inglés). Consultado o 3 de xullo de 2014. 
  2. un.org, ed. (10 de abril de 2006). "Declaraciones, reservas, objeciones y notificaciones de retirada de reservas relacionadas con la Convención sobre la eliminación de todas las formas de discriminación contra la mujer" (en castelán). Consultado o 3 de xullo de 2014. 
  3. Global Network of Women Peacebuilders, ed. (outubro de 2010). "Ensuring Accountability to UNSCR 1325 and 1820 using CEDAW reporting mechanisms" (PDF) (en inglés). gnwp.org. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de maio de 2012. Consultado o 5 de xullo de 2014. 
  4. Moser, Annalise (outubro de 2010). La Red Global de Mujeres que Consolidan la Paz, ed. "Las mujeres cuentan. La Resolución 1325 del Consejo de Seguridad: Informe de Monitoreo de la Sociedad Civil" (PDF) (en castelán). gnwp.org. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 01 de maio de 2012. Consultado o 5 de xullo de 2014. 
  5. "Plan de acción del Gobierno de España para la aplicación de la Resolución 1325 del Consejo de Seguridad de las Naciones Unidas (2000), sobre mujeres, paz y seguridad" (PDF) (en castelán). 2000. Consultado o 4 de febreiro de 2020. 
  6. GNWP-ICAN (18 de xullo de 2011). Global Network of Women Peacebuilders (GNWP) – International Civil society Action Network (ICAN), ed. "Written Statement submitted to CEDAW on the occasion of the General Discussion on Women in Conflict and Post-conflict Situations". Connecting for Peace; Issue 12 (en inglés). Nova York. Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2011. Consultado o 25 de agosto de 2014. 
  7. UNIFEM (2006). "CEDAW and Security Council Resolution 1325: A Quick Guide" (PDF). Women, Peace & Security (en inglés): 4. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 26 de agosto de 2014. Consultado o 25 de agosto de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]