Historia da moeda do Tíbet

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Moeda tibetana de prata dun srang, datada en 15-43 (1909 AD). Anverso.[1]
Reverso da mesma moeda.[1]

A historia da moeda no Tíbet remóntase á Antigüidade, cando esta rexión asiática non realizaba aínda as súas propias cuñaxes. Utilizábanse ás veces moedas doutros territorios, aínda que o troco era unha práctica máis común, o ouro constituía un medio de intercambio e as cunchas e as doas de pedra utilizábanse para as transaccións máis pequenas.

A partir do século XVII comezou a utilizarse a moeda dun xeito máis extenso; tratábase de moedas de prata procedentes do Nepal. E entre 1763 e 1785 cuñáronse as primeiras moedas de prata tibetanas. Pouco despois, en 1792, producíronse as primeiras emisións masivas, baixo a autoridade mixta tibetano-chinesa, con lendas en ambas as linguas, ata que en 1840 xurdiu a moeda xenuinamente tibetana, que se mantivo ata 1954, coa única excepción de dous breves períodos de emisións sino-tibetanas.

En 1910, o Goberno tibetano comezou a producir unha ampla variedade de moedas de prata e de cobre con diferentes valores faciais, e entre 1918 e 1921 só se cuñaron moedas de ouro. Pola súa banda, os primeiros billetes apareceron en 1913.

Entre 1955 e 1959 non se cuñou moeda no Tíbet, aínda que se mantiña a impresión de billetes, e nese último todo o diñeiro foi substituído gradualmente polo iuan renmimbi, a moeda da República Popular da China.

Medios de cambio no antigo Tíbet[editar | editar a fonte]

No antigo Tíbet, o uso da moeda era insignificante. Os principais veciños do Tíbet (a India, o Nepal e a China), posuían a súa moeda desde tempos inmemoriais. Pola contra, o antigo Tíbet carecía dela, aínda que en cantidades moi modestas chegaran algunhas moedas desde o Nepal, desde o Turquestán chinés e desde a China, provenientes do comercio e a modo de doazón a algúns importantes mosteiros. É probable que algunhas destas moedas estranxeiras teñan chegado a entrar en circulación, aínda que de seguro non se converteron nun instrumento importante para as transaccións cotiás, xa que a maior parte do comercio dentro do antigo Tíbet e tamén o comercio co exterior se realizaba mediante o troco.[2]

Troco[editar | editar a fonte]

Ladrillo de , utilizado como medio de cambio no Tíbet.

O Tíbet tiña o seu maior volume comercial coa China e os principais artigos do troco eran os cabalos do nordés tibetano (Amdo), que se intercambiaban por chinés. O Tíbet tamén exportaba herbas medicinais, cornos de cervo, almiscre e ouro á China, e, ademais do té, os comerciantes tibetanos tamén importaban da China tecidos de seda, porcelana e prata.[2]

O volume comercial do Tíbet cos seus veciños do sur (a India, o Nepal e Bután) foi moito menor. Os comerciantes tibetanos intercambiaban principalmente sal e la por cereais con estes países. Tradicionalmente, unha medida de sal cambiábase por outra igual de gran, na fronteira co Nepal e coa India. Outros bens de exportación menos salientables foron as rabos de iac e animais vivos, sobre todo cabras e ovellas. Xa no século XVII rexístranse tamén exportacións de falcóns.[2]

Nas grandes transaccións comerciais dentro do Tíbet utilizouse po de ouro, probablemente atado en pequenas bolsas de coiro, así como lingotes de prata chineses.[3] Estes lingotes viñan en diversas formas, aínda que o tipo máis común era semellante á ferradura dos burros e recibía o nome de rta rmig ma en tibetano.[4]

Para as pequenas transaccións utilizábanse diversos bens de consumo que posuían un valor similar utilizado como padrón pola maioría dos tibetanos. Entre eles estaban as noces de areca, bufandas cerimoniais e té.[5] Este té comercializábase tradicionalmente en forma de ladrillos (en tibetano: ja sbag), que se converteron no medio de intercambio máis importante do século XIX, mesmo despois da introdución da moeda regular no Tíbet.[4]

Cunchas e doas como moeda[editar | editar a fonte]

Para as compras de moi escaso importe utilizouse o cauri, unhas pequenas cunchas mariñas adquiridas principalmente nas Illas Maldivas e que chegaron ao Tívet a través da China, e tamén pequenas doas de pedra, das que se rexistra o seu uso como diñeiro no antigo Tíbet.[6]

Pequenos lingotes de ouro[editar | editar a fonte]

Antes de mediados do século XVII e do establecemento do Goberno do quinto Dalai Lama circulaban no Tíbet varios tipos de pequenos lingotes de ouro (en tibetano: gser sho), algúns dos cales estaban marcados con selos cuñados. Non hai unanimidade acerca da consideración destes lingotes como moedas, aínda que se coñece que en ocasións os funcionarios de finanzas do novo goberno tibetano chegaron a aceptalos para o pagamento de impostos. Para avaliar a pureza do ouro destas pezas, utilizouse unha unidade de peso como padrón denominada sewa. Na táboa seguinte reflíctense os tipos de pezas de ouro que constan nos rexistros para estes pagamentos:[7]

Nome Peso do ouro Zona de uso Transliteración Wylie
Phagsho 30 sewa Phag ri (probable) phag zho
Gugsho 27 sewa mNga´ris gug zho
Tagsho 27 sewa sPu hreng stag zho
Losho 27 sewa sPu hreng glo zho
Changsho 24 sewa lHa ngam byang zho
Gursho 23 sewa gTsang stod tshong ´dus mgur zho
Üsho 20 sewa dBus dbus zho
Esho 19 sewa dBus e zho
Gosho 32 sewa Zona de Tashilhunpo mgo zho

Ademais, hai constancia doutras pezas de ouro como as chamadas tsangsho, das que se descoñece o seu peso, e as coñecidas como sertam, cun peso de ouro fino de dous sewa. Sarat Chandra Das menciona tamén o gursho como unidade de moeda no seu dicionario tibetano-inglés, ao que lle atribúe un valor de 24 sewa.[8]

Lingotes de prata[editar | editar a fonte]

Ata o século XX utilizáronse lingotes de prata chineses, denominados sycee, para as transaccións máis importantes. Coñecíanse co alcume de "pezuños de cabalo (en tibetano: rta rmig ma") e pesaban arredor de 50 tael (ca. 185 gramos). Existían tamén outros lingotes de menor tamaño, coñecidos como "pezuño de iac" (gyag rmig ma) e outros aínda inferiores, os "pezuño de cabra" (ra rmig ma).[9]

A principios do século XX os lingotes grandes cambiábanse por entre 60 e 70 rupias da India, os de tamaño mediano por entre 12 e 14 rupias e os máis pequeno por entre dúas e tres rupias.[9]

Emisións de moeda[editar | editar a fonte]

Primeiras emisións: séculos XVII e XVIII[editar | editar a fonte]

Tangka de prata tibetano. Non datada (ca. 1763-1764). Amosa oito veces a sílaba dza ("vitorioso", en abreviatura) en alusión aos oito raios da dharmacakra ("roda da lei") budista.[10]

O primeiro circulante de uso extenso na rexión sur do Tíbet consistiu en moedas de prata subministradas polos reinos nepaleses de Malla e os primeiros reis da posterior dinastía Shah, desde aproximadamente 1640 ata 1791.[11]

O Tíbet proporcionaba a prata para realizar estas cuñaxes e recibían de volta un peso equivalente en forma de moeda, aínda que os nepaleses obtiñan neste proceso un beneficio moi salientable, xa que aliaban a prata con cobre antes de realizar a cuñaxe das moedas. Por mor dunha liorta entre o Nepal e o Tíbet sobre a riqueza da aliaxe destas cuñaxes, o proceso viuse interrompido a partir de mediados do século XVIII.[12][13][14][15][16]

Para superar, pois, a escaseza de moeda circulante no Tíbet naquel momento, o Goberno tibetano comezou a producir as súas propias moedas, seguindo os padróns e as tipoloxías das cuñaxes nepalesas. Isto ocorreu entre 1763 e 1764 e novamente en 1785, sen que se producise interferencia ningunha do Goberno chinés.[12][13][14][16]

Os nepaleses intentaron levar a cabo novamente o lucrativo negocio da cuñaxe durante a dinastía Shah, que fora establecida por Prithvi Narayan Shah no Val de Katmandú en 1768. Primeiro subministraron mohurs (moedas de boa prata de arredor de 5,4 gramos), pero pretendían que estes novos circulasen a razón dun por cada dous dos antigos cuñados polos reis Malla, con prata moi adulterada, o que tería suposto unha persa considerable para os comerciantes tibetanos, razón pola cal o Goberno do Tíbet non aceptou estas condicións.[16]

O segundo rei Shah, que gobernou desde Katmandú, Pratap Singh Shah, emitiu moedas de aliaxe de prata durante o período de 1775 a 1777. A partir de entón, cando os nepaleses volveron intentar a introdución no Tíbet de moedas de prata de boa lei, que deberían ter circulado cunha prima considerable en comparación coas moedas Malla, os tibetanos negáronse, o que provocou unha interrupción do comercio entre o Tíbet e o Nepal. O Tíbet volveu a experimentar coa súa propia moeda en 1785, co fin de mitigar a escaseza de moedas de prata.[16]

Finais do século XVIII[editar | editar a fonte]

Kong par tangka de prata datada en 13-45 (1791 AD). Anverso.[17]
Reverso da mesma moeda.[17]

Para retomar a rendible exportación de moedas nas condicións máis favorables para eles, os nepaleses invadiron o Tíbet en 1788 e novamente entre 1790 e 1791. Cando o Goberno tibetano se dirixiu á China na procura de axuda, esta enviou ao Tíbet o exército imperial, que contribuíu á expulsión dos nepaleses no outono de 1792.[16]

Os chineses aproveitaron a ocasión para reforzaren o seu control sobre o Tíbet e emitiron un edicto mediante o cal, entre outras disposicións, se estipulaba a introdución dunha nova moeda de prata, cuñada a nome do emperador Qianlong.[16] Ademais, diso, pasaba a estar prohibida a importación de moedas de prata do Nepal.[18]

Para resolver temporalmente a escaseza de moeda circulante no Tíbet cando chegou o exército chinés en 1791, a China permitira a cuñaxe dos chamados kong par tabgka, que se producían a partir de prata aliada e tiñan un deseño que copiaba a tipoloxía nepalesa. Estas moedas, que primeiro se cuñaron na provincia de Kongpo e logo en Lhasa, foron as primeiras de prata producidas en serie no Tíbet.[19] Tiñan aproximadamente o mesmo peso que as súas correspondentes nepalesas, é dicir arredor de 5,2 gramos.[18]

A partir de 1793 cuñáronse en Lhasa unhas novas moedas en prata practicamente pura, que amosaban as súas lendas tanto en lingua tibetana como en chinés. Mentres tanto, a cuñaxe dos kong par tangka continuou durante 1792 e os principios de 1793. Ambos os tipos de moeda foron autorizados polos chineses e cuñáronse baixo supervisión mutua da China e do Tíbet, aínda que non formaban parte do sistema monetario chinés, xa que a moeda de prata non estaba presente no sistema deste país durante o século XVIII e os principios do XIX (coa excepción da zona que agora constitúe a rexión autónoma de Xinjiang).[6]

En 1791, as autoridades chinesas planearon inicialmente a emisión de moeda circulante de cobre no Tíbet. Se este proxecto tivese saído adiante, implicaría que a moeda tibetana se tería integrado no sistema monetario chinés, mais o intento foi abandonado porque se estimou que resultaría demasiado caro transportar o cobre desde a China ata o Tíbet para poder cuñar as moedas en Lhasa.[6]

Entre 1791 e 1836 foi o Goberno chinés o que tivo a autoridade de decidir acerca da moeda tibetana, consultando previamente as autoridades tibetanas. As moedas de prata emitíronse baixo o padrón sho (de aproximadamente 3,7 gramos) e cuñáronse coas datas 58, 59 e 60 da era de Qianlong (1793, 1794 e 1795 AD).[20]

Tamén se cuñaron algunhas moedas de prata no ano 61 de Qianlong (1796 AD), cando este abdicou logo de 60 anos de reinado. Cando a nova da súa abdicación chegou a Lhasa, xa se cuñaran e se puxeran en circulación algunhas moedas desa emisión.[20]

Século XIX e principios do XX[editar | editar a fonte]

Cuñáronse tamén outras moedas de prata sino-tibetanas durante os primeiros seis anos da era Jiaqing (1796-1801), así como nos anos oitavo e noveno (1803 e 1804 AD) e durante os dous anos derradeiros deste reinado, o 24 e o 25 (1819-1820 AD). Durante a era seguinte, a Daoguang, houbo emisións monetarias unicamente nos seus catro primeiros anos (1821-1824), así como no décimo cuarto e no décimo sexto (1835-1836).[21]

Emisións do Goberno tibetano[editar | editar a fonte]

Moeda de prata sino-tibetana do sexto ano da era Jiaqing (1801 AD). Anverso.
Reverso da mesma moeda.

A partir de entón, a influencia chinesa sobre o Tíbet debilitouse e desde 1840 ata 1954 o Goberno tibetano tomou as decisións acerca do sistema monetario e sobre os sistemas de cuñaxe, cunha soa interferencia incidental dos chineses. As moedas deste período só tiñan lendas escritas en lingua tibetana e a tipoloxía era autóctona, sen referencia ningunha á China.[21]

O único incidente que interrompeu esta tónica ocorreu durante o curto período de 1909 a 1910 cando o Goberno tibetano cuñou moedas de cobre e de prata que datan do primeiro ano da era Xuan Tong (1909) e de 1910, cando o Amban chinés en Lhasa (o representante do goberno imperial) tiña moedas de prata e de cobre con lendas en chinés e en tibetano. Estas foron as únicas moedas cuñadas no Tíbet que poden considerarse como parte do sistema monetario chinés deste período.[21]

Os únicos tipos de moeda que se produciron en Lhasa entre 1840 e 1908 foron moedas de prata cuñadas consonte o padrón tangka, propio do mosteiro Ganden ,[22] e o tipo anterior Kong-par tangka.[21]

Logo da xa mencionada interrupción da produción de moedas xenuinamente tibetanas cara ao final da dinastía Qing (1909-1910), o Goberno tibetano comezou a cuñar unha gran cantidade de moedas de cobre e de prata con diversos valores faciais, desde ½ skar ata 1 srang. Posteriormente introducíronse no sistema moedas de prata de valores meirandes: 1½ e 3 srang (1933-1938 e 1946). Entre 1949 e 1952 emitíronse moedas de 10 srang, con só un 10 % de prata, que constitúen o valor facial máis alto de todas as emitidas para a circulación regular no Tíbet.[21]

Desde 1918 ata o inicio de 1921 emitíronse tamén moedas de ouro co valor de 20 srang na ceca de Serkhang, situada preto de Norbulingka, a residencia de verán dos Dalai Lama. Estas moedas non foron de circulación ordinaria no Tíbet e utilizábanse normalmente como medio para almacenar riqueza, aínda que tamén se exportaban á India, co que se obtiñan importantes beneficios.[21]

O deseño dos tangka de prata característico do Ganden Tangka continuou cuñándose no século XX en paralelo aos outros indicados ata agora.[22] As derradeiras moedas tibetanas de prata con aquel deseño producíronse entre 1953 e 1954, nunha emisión especial en prata fina para a súa distribución entre os monxes da zona de Lhasa. Estas moedas, cuñadas con moita pulcritude, valorábanse en cinco srang.[23]

De 1840 a 1932 as moedas tibetanas cuñáronse á man e máis tarde introducíronse máquinas de fabricación local accionadas por auga, en diversas cecas situadas preto de Lhasa.[24]

Uso de moeda estranxeira e a rupia de Sichuan[editar | editar a fonte]

Rupia de Sichuan, cuñada en Chengdu despois de 1902 AD. Anverso.[25]

Durante a segunda metade do século XIX e o primeiro terzo do século XX circularon no Tíbet moitas moedas estranxeiras de prata. A maioría delas valorábanse en función do seu peso, como os reais de oito españois e os pesos hispanoamericanos, sobre todo os mexicanos, así como os rublos rusos e os marcos alemáns. A excepción supúñana as rupias da India Británica, sinaladamente as que amosaban o retrato da raíña Vitoria, que circularon amplamente polo Tíbet, con máis aceptación que a moeda británica, por teren moi boa prata e un valor fixo, que era de tres tangka cara a 1920.[26][27][28][29]

As autoridades chinesas viron con desconfianza o éxito das rupias indias entre os comerciantes tibetanos e comezaron entón a cuñar as súas propias rupias, a modo de copias moi semellantes ás vitorianas da India, aínda que substituíndo o busto de Vitoria polo dun mandarín chinés ou, como moitos numismáticos consideran, o do emperador da China Guangxu. Estas rupias chinesas cuñáronse en Chengdu e, a partir da década de 1930, tamén en Kangding, a antiga cidade tibetano-chinesa ao oeste de Sichuan. As primeiras emisións eran de boa prata e gozaron dnha certa popularidade entre os tibetanos, mais as tiraxes posteriores, en particular as procedentes de Kangding, tiñan unha aliaxe moito máis pobre e deixaron de ser aceptadas por moitos comerciantes. Nos primeiros momentos destas emisións tamén se cuñaron en Chengdu pequenas cantidades de moedas de media e dun cuarto de rupia, mais, ao acabaren a maioría delas como botóns ou formando parte de pezas de xoiaría, a súa produción acabou axiña. No seu lugar, cando se precisaban fraccións de rupia para o pequeno comercio, as moedas dunha rupia cortábanse pola metade ou en cuartos coa axuda dunha espada e un martelo.[29][30][31][32] A cantidade total de medias rupias cuñadas foi de 130.000 e a de cuartos de rupia 120.000. Pola súa parte, estímase que se cuñaron entre 25.500.000 e 27.500000 rupias de Sichuan entre 1902 e 1942.[27][28]

De 1955 a 1959[editar | editar a fonte]

Moeda de cobre de 1 sho, con data 16-6 ET (= 1932 AD). Anverso.[33]

Logo da batalla de Chamdo en 1950 e 1951, a renovada interferencia chinesa levou a que non se producise cuñaxe ningunha entre 1955 e 1959. No entanto, aínda se imprimía papel moeda con valor facial de 100 srang. A principios da década de 1950 os chineses recuperaron os dólares co retrato de Yuan Shikai da ceca de Chengdu, que se introduciran no Tíbet para pagar aos traballadores implicados na construción de estradas e para mercar a vontade dos cidadáns máis influentes. Moitos destes dólares foron obxecto de contrabando cara á India por parte de comerciantes tibetanos que compraban con eles produtos occidentais en Calcuta e que despois llos vendían cun beneficio considerable a membros do exército chinés en Lhasa.[34]

Durante o grande éxodo dos tibetanos a mediados de 1959 tamén se detivo a circulación de billetes, cando a República Popular Chinesa introduciu no Tíbet o Mimang Xogngü ("papel moeda do pobo"), que acabou por substituír o diñeiro tibetano.[35]

Unidades de moeda[editar | editar a fonte]

O Tíbet tiña un sistema dual e, xa que logo, complexo de unidades monetarias. Unha parte foi importada do Nepal e a súa unidade básica era o tangka (tamén chamado tam ou tamga), equivalente aproximadamente a entre 5,4 e 5,6 gramos de prata aliada. A outra parte tiña a súa orixe na China e a súa unidade básica era o srang (de 37,3 gramos de prata). Estes dous sistemas foron utilizados simultaneamente no Tíbet desde 1640 ata 1959.[36]

Séculos XVIII e XIX[editar | editar a fonte]

Relación entre ambas as unidades Subdivisións do srang Moedas de prata
  • 1 srang = 6 2/3 tangka.
  • 1 tangka = 1 ½ sho = 15 skar.
  • ½ tangka = 7 ½ skar.
  • 1 sho = 2/3 tangka = 10 skar.
  • 1 srang = 10 sho = 100 skar.
  • 1 sho = 10 skar.
  • 1 srang, denominado srang gang.
  • 1 sho, denominado zho gang.
  • 2 sho, denominado zho do.
  • ½ sho.
  • ½ tangka = ¾ sho.
  • 1 sho.
  • 1 tangka.

As unidades pequenas, de ½ sho e ½ tangka, só se cuñaron para a súa circulación en pequenas cantidades en 1793. Tamén existen algunhas moedas de ½ sho con data de Qianlong 59. No entanto, estas son extremadamente raras e probablemente deban considerarse probas ou ensaios que non chegaron a pórse en circulación.[36]

Século XX[editar | editar a fonte]

Cobre Prata e billón Ouro
  • ½ skar (skar che).
  • 1 skar (skar gang).
  • 1/8 sho.
  • ¼ sho.
  • 2 ½ skar (skar phyed gsum ou kha gang).
  • 5 skar (skar lnga).
  • 7 ½ skar (skar phyed brgyad).
  • 1 sho (zho gang).
  • 3 sho (zho gsum).
  • 5 sho (zho lnga).
  • 1 tangka.
  • 1 sho (zho gang).
  • 2 sho (zho do).
  • 5 sho (zho lnga).
  • 1 srang (srang gang).
  • 1 ½ srang (srang gang zho lnga).
  • 3 srang (srang gsum).
  • 5 srang (tiraxe moi limitada, tamén cuñada en cobre).
  • 10 srang (srang bcu).
  • 20 srang (gser tam).

Emisións de papel moeda[editar | editar a fonte]

O papel moeda tibetano emitiuse por vez primeira en 1913, cos valores faciais de 5 tam (verde ou azul) e de 10 tam (vermello). Estas billetes amosan a data de 1658 da era tibetana (ET), que comeza en 1912 e remata a principios de 1913 da era cristiá (AD). No ano seguinte (1659 ET) completaron a serie outros valores: 15 tam (violeta), 25 tam (marrón ou amarelo) e 50 tam (azul ou violeta). A serie completa dos cinco valores continuou a imprimirse nos anos seguintes, aínda que en todos os casos amosan a data inmobilizada de 1659 ET.[47][48][49][50][51]

Todos estes billetes, que estiveron en circulación ata a década de 1930, están impresos por xilografía sobre papel de produción local, e están numerados á man con tinta negra por caligrafistas tibetanos especialmente capacitados. Os billetes exhiben un selo encarnado que representa a autoridade do Dalai Lama e outro de cor negra coa inscrición en lingua tibetana: gzhung dngul khang ("Tesouraría do Goberno").[47][49][50]

A tradución do texto dos anversos destes billetes é a seguinte:[47][50]

1658 anos desde a fundación da forma de goberno relixioso-secular no gran país do Tíbet, a terra da neves, o papel moeda do ciclo 15 do Goberno de relixión e política, a xoia universal de beneficio e beizón, dotada cos catro tipos de auspiciosidade.

O billete de maior valor facial (50 tam) era falsificado adoito, polo que o Goberno tibetano acordou introducir unha nova versión multicolor impresa dun xeito máis sofisticado. A lenda do reverso imprimiuse a partir de bloques de madeira, en tanto que para o resto do deseño, en ambas as faces, se utilizaron bloques metálicos. Os primeiros billetes desta nova tiraxe dos 50 tam están datados en 1672 ET (= 1926 AD) e a súa produción continuou ata 1687 ET (= 1941 AD).[49][52][53][54]

En 1937 ou 1938 emitíronse tamén billetes multicolor de 100 tam srang.[60] Levan o mesmo selo vermello octogonal das primeiras emisións expresadas en tam e outro negro coa lenda Srid zhi dpal ´bar, alusiva á autoridade emisora do Goberno tibetano.[5][49] [52][53]

A denominación destes billetes cambiouse axiña de tam srang a srang, e o selo encarnado empequeneceuse e fíxose arredondado. Estes novos billetes de 100 srang están impresos a máquina e numerados á man, e emitíronse con regularidade entre 1939 e 1945, e novamente entre 1951 e 1959. Moitos deles chegaron aos nosos días e son relativamente comúns no mercado numismático.[49][52][53][61]

Á parte do de 100, houbo tamén outras emisións en srang producidos en serie. En 1940 saíron á luz billetes de 10 srang datados en 1686 ET, en tres cores (vermello, azul e negro). Este valor seguiuse emitindo con diferentes datas ata 1694 ET (= 1948).[52][53] En 1942 e 1946 introduciuse tamén un novo billete, que non amosa a data, de 5 srang de pequeno tamaño, e finalmente, en 1950 engadíuselle outro de 25 srang, que foi emitido ata 1955.[49][61]

En 1959, todas estas emisións de billetes foron retiradas da circulación e substituídas polos billetes chineses coa súa denominación en iuan renmimbi.[49][52][53]

As cecas tibetanas[editar | editar a fonte]

A ceca de Drapchi fotografada por Frederick Williamson en agosto de 1933.
Maquinaria en funcionamento da ceca de Drapchi, nunha fotografía de Frederick Williamson de agosto de 1933.

Entre as casas de moeda máis importantes dos inicios do século XX atópase unha coñecida co nome de 'dod spal, situada en Shol, baixo o Palacio de Potala, así como outra situada a uns 10 quilómetros ao nordés de Lhasa, no val do Dodé.[24]

Outra das cecas máis importantes estaba en Drabchi (4 quilómetros ao norte de Lhasa, no camiño ao mosteiro de Sera). Esta casa de moeda modernizouse a principios da década de 1930 e toda a maquinaria procedente das demais cecas foi trasladada a este establecemento, que pasou a constituírse como a única do Goberno tibetano a partir de 1932.[68] O seu nome oficial era Drapchi Lotrü Lekhung ( "Fábrica de Máquinas eléctricas Drapchi").[24] Na actualidade, todo o complexo da antiga casa de moeda está ocupado por unha das prisións de Lhasa, coñecida como a "prisión Drapchi".[69]

Outra casa de moeda salientable foi a chamada Gser Khang ("Casa do Ouro"), situada ao oeste de Norbu Lingka, en funcionamento na década de 1920 para a cuñaxe das moedas de ouro e de cobre.[24]

Pola súa banda, na residencia do Amban chinés instalouse tamén unha ceca, coñecida como me tog skyid ("flores agradables"), que foi utilizada polo poder chinés en 1910 para a cuñaxe das moedas sino-tibetanas. Esta ceca foi posteriormente asumida polo Goberno tibetano, logo da saída forzada do derradeiro Amban chinés en 1913, e continuou funcionando desde 1914 ata principios da década de 1930.[24]

Tamén se menciona ocasionalmente como ceca un establecemento situado ao sur do río Kychu, preto de Lhasa, coñecido como Tip Arsenal, aínda que non hai evidencias de que se teña utilizado para a cuñaxe de moeda. [24] Ademais, no val Chumby estivo operativa entre 1923 e 1928 unha pequena factoría chamada Norbu Tsoki para a produción de discos de cobre, aproximadamente a medio camiño entre Yatung e a fronteira tibetano-sikkimesa.

As moedas dos séculos XVII e XVIII cuñáronse á man e no século XX introduciuse a cuñaxe industrial, con máquinas de elaboración local, accionadas pola auga ou pola forza humana. A partir da década de 1920 comezou a utilizarse maquinaria procedente de Inglaterra, inicialmente de xeito experimental e despois, entre 1932 e 1938, a grande escala, e novamente de 1946 a 1954. A enerxía eléctrica destas novas máquinas era abastecida por unha central hidroeléctrica situada no val do río Dodo, que se instalou entre 1927 e 1928 con equipamentos que chegaran alí desde Inglaterra en 1924.[24]

Datación da moeda tibetana[editar | editar a fonte]

Moeda tibetana datada en 16-22 (= 1948 AD).

Coa excepción das cuñaxes sino-tibetanas, dos primeiros tangka non datados do século XVIII e as emisións do mosteiro de Ganden Tangka, todas as moedas tibetanas levan inscrito o ciclo e o ano en que foron producidas. cada ciclo compúñase de 60 anos, e o primeiro ano do primeiro ciclo correspóndese co ano 1027 AD.[70]

Consonte a tradición tibetana, o Kalachakra ("ciclo ou roda do tempo") foi introducido no Tíbet desde a India en 1026. Xa que logo, as datas atopadas nas moedas tibetanas rexistran o número de anos que transcorreron desde ese acontecemento histórico. Para converter unha data de ciclo dunha moeda tibetana nunha data occidental, pódese utilizar a fórmula seguinte:[70][71][72]

(Número de ciclos – 1) × 60 + Número de anos + 1026

Por exemplo, rab byung 16 lo 22 débese entender como que transcoreron 14 ciclos completos mais 43 anos do ciclo décimo quinto, a partir do ano 1026. A operación, xa que logo, é a seguinte:[72]

(16 – 1) × 60 + 22 + 1026 = 1948 AD

Ademais disto, cómpre ter en conta que o ano tibetano adoita comezar nalgún momento do noso mes de febreiro, polo que a moeda do exemplo anterior non pode ter sido cuñada en xaneiro de 1948 e, ao mesmo tempo, pode estalo en xaneiro ou a principios de febreiro de 1949.

Para recoñecer a numeración tibetana, pódese recorrer á seguinte táboa de equivalencias coa numeración arábiga:[72]

Numeración arábiga 0 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 50 100 500 1000
Numeración tibetana ༡༠ ༥༠ ༡༠༠ ༥༠༠ ༡༠༠༠

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "1 Srang". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 Pennant, T. (1798). The View of Hindoostan. Vol. I Western Hindoostan. Henry Hughs, Londres.
  3. Boulnois, L. (1983). Poudre d'Or et Monnaies D'Argent au Tibet (Principalement au XVIIIe siècle). Centre National de la Recherche Scientifique, París. ISBN 978-2222028864
  4. 4,0 4,1 Bertsch, W. (2009). "The Use of Tea Bricks as Currency among the Tibetans". En The Tibet Journal. Vol. 34. Nº 2.
  5. 5,0 5,1 Gabrisch, K. (1990). Geld aus Tibet. Stadt Winterthur, Departement für Kulturelles.
  6. 6,0 6,1 6,2 Xiao Huaiyuan (1987). Xizang difang huobi shi ("Historia da moeda local tibetana"). Min zu chu ban she, Pequín.
  7. "Tibetische Gewichtsmaße". Tibet-Encyclopaedia (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2021. Consultado o 13 de outubro de 2021. 
  8. Das, Sarat Chandra (1902). A Tibetan English Dictionary with Sanskrit Synonyms. Bengal Secretariat Book Depôt, Calcuta. Páxina 282.
  9. 9,0 9,1 Hedin, S. (1903). Central Asia and Tibet. Towards the Holy City of Lhasa. Hurst and Blackert, Londres. Vol. II. Páxinas 433, 515.
  10. "1 Tangka". Numista.com
  11. Rhodes, N. G.; Gabrisch, K.; Valdettaro, C. (1989). The Coinage of Nepal from the earliest times until 1911. Royal Numismatic Society. Special Publication Nº 21. Londres. ISBN 978-0901405272
  12. 12,0 12,1 Martynov, A. S. (1965). "O pervych chekankakh monety v Tibete". En Kratkie Soobshcheniia Akademia Nauk SSSR. Institut Narodoz Azji. Nº 69. Moscova. Páxinas 197-202.
  13. 13,0 13,1 Martynov, A. S. (1987). "Some Aspects of the Qing Policy in Tibet at the Close of the 18th Century. Prehistory of the Manzhou Invasion of Nepal in 1792". En Rolamba. Journal of the Joshi Research Institute. Vol. 7. No. 3. Katmandú. Páxinas 6-20.
  14. 14,0 14,1 Bertsch, W.; Gabrisch, K. (1986). "Some Varieties of Tibet’s First Str uocns C Enn s. Numismatics International Bulletin. Vol. 20. Nº 6. Dallas. Páxinas 125-128.
  15. Gabrisch, K.; Bertsch, W. (1999). The First Coins Struck in Tibet. En Numismatics International Bulletin. Vol. 34. Nº 3. Dallas. Páxinas 56-63.
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 16,5 Rhodes, N. G. (1990). "The first Coins struck in Tibet". En Tibet Journal. Vol. 15. Nº 4. Dharamsala. Páxinas 115-134.
  17. 17,0 17,1 "Tangka "Kong-par Tangka"". Numista.com. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2021. Consultado o 13 de outubro de 2021. 
  18. 18,0 18,1 Bertsch, W. (2008). "The Kong-par Tangka of Tibet". En Journal of the Oriental Numismatic Society. Nº 195. Croydon & Ringwood. Páxinas 35-46.
  19. McCorquodale, Robert; Orosz, Nicholas & Conference of International Lawyers on Issues Relating to Self-Determiniation and Independence for Tibet (London) (1994). Tibet: the position in international law : report on the Conference of International Lawyers on Issues relating to Self-Determination and Independence for Tibet, London, 6-10 January 1993 (en inglés). London: Serindia. p. 199. ISBN 978-0-906026-34-2. OCLC 471792545. 
  20. 20,0 20,1 Rhodes, N.; Gabrisch, K. (1980). "Two Sino-Tibetan Coins". En Spink's Numismatic Circular. Vol. 88. Nº 5. Páxina 172.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 21,5 Gabrisch, K.l (1990-1091). "Beiträge zur Tibetischen Numismatik II: Die Tibetischen Goldmünzen und deren Fälschugen". En Münstersche Numismatische Zeitschrift. Vol. 20. Nº 2. Páxinas 1-3. / Vol. 21. Nº 2. páxinas 1-5.
  22. 22,0 22,1 Rhodes, N. (1983). The Gaden Tangka of Tibet. Oriental Numismatic Society. Occasional Paper. Nº 17.
  23. "5 Srang". Numista.com
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 24,5 24,6 Rhodes, N. G. (1978). "Tibetan Mints". En Oriental Numismatic Society Information Sheet. Nº 19.
  25. "1 Rupee". Numista.com. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro d e2021. Consultado o 13 de outubro de 2021. 
  26. Teichmann, E. (1922).Travels of a Consular Officer in Eastern Tibet together with a history of the relations between China, Tibet and India. Cambridge University Press. Páxina 186 (nota 1).
  27. 27,0 27,1 Gabrisch, K. (1983). "The Szechuan Rupee and its Variants". En Numismatics International Bulletin. Vol. 17. Nº 4. Dallas. Páxinas 103-112.
  28. 28,0 28,1 Wright, R. N. J. (1976). "The Szechuan Rupee". En Coins and Medals. Páxinas 35-36.
  29. 29,0 29,1 Bons d'Anty, P. (1903). "Une roupie chinoise pour le Thibet". En Géographie. Bulletin de la Société Géographique. Vol. 8. Páxinas 152-153.
  30. Bertsch, W.; Rhodes, N. G. (2010). "The Use of Cut Coins in Tibet". En The Tibet Journal. Vol. 35. Nº 3. Páxinas 19-40.
  31. Davies, Henry Rodolph, ed. (2010). "Ya-k'a-lo to Ya-ra-gong". Yün-nan. The Link Between India and the Yangtze. Cambridge Library Collection - Travel and Exploration in Asia. Cambridge: Cambridge University Press. p. 279. ISBN 978-1-108-01079-5. doi:10.1017/cbo9780511707834.038. (require subscrición (?)). 
  32. Clements, A. J. (1919). “The Coins of West China, a Manifold and Varied Currency”. En The North China Herald. Vol. 132. Nº 2.718. Shanghai. 13 de decembro.
  33. "1 Sho". Numista.com. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2021. Consultado o 13 de outubro de 2021. 
  34. Shakya, Tsering (1999). The Dragon in the Land of Snows. A History of Modern Tibet since 1947. Pimlico, Londres. Páxina 135. ISBN 9780712665339
  35. Deshayes, L. (1997). Histoire du Tibet. Fayard. Páxina 268. ISBN 978-2-213-59502-3
  36. 36,0 36,1 "Coins from Tibet". Numista.com
  37. "½ Sho". Numista.com
  38. "¾ Sho (= half tangka)". Numista.com
  39. "½ Skar". Numista.com
  40. "7½ Skar". Numista.com
  41. "5 Sho". Numista.com
  42. "20 Srang". Numista.com
  43. "2½ Skar". Numista.com
  44. "3 Srang". Numista.com
  45. "3 Sho". Numista.com
  46. "10 Srang". Numista.com
  47. 47,0 47,1 47,2 Bertsch W. (1997). A Study of Tibetan Paper Money with a Critical Bibliography. Library of Tibetan Works and Archives. ISBN 978-8186470169
  48. Bertsch, W. (1997). "Early Tibetan Paper Money". En The Tibet Journal. Vol. 22. Nº 3. Páxinas 15-17.
  49. 49,0 49,1 49,2 49,3 49,4 49,5 49,6 Bertsch, W. (1999). "The Production of Tibetan Banknotes". En The Tibet Journal. Vol. 24. Nº 1. Páxinas 29-54.
  50. 50,0 50,1 50,2 Shrestha, Bhupendra Narayan (1987). Tibetan Paper Currency. Transatlantic Authors Ltd., St. Albans.
  51. "Tibet: Government. Tam System: 1658-1659 (1912-1913) Issue". Banknote.ws. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2021. Consultado o 13 de outubro de 2021. 
  52. 52,0 52,1 52,2 52,3 52,4 Bertsch Wolfgang (1997) A Study of Tibetan Paper Money, Dharamsala
  53. 53,0 53,1 53,2 53,3 53,4 Shrestha, Bhupendra Narayan (1987) Tibetan Paper Currency, Transatlantic Authors Ltd., St. Albans, Herts. U.K
  54. "Tibet: Government. Tam System: 1658-1659 (1912-1913) Issue". Banknote.ws. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2021. Consultado o 13 de outubro de 2021. 
  55. "Tibet. 5 Tam". Banknote.ws
  56. "Tibet. 10 Tam". Banknote.ws
  57. "Tibet. 15 Tam". Banknote.ws
  58. "Tibet. 25 Tam". Banknote.ws
  59. "Tibet. 50 Tam". Banknote.ws
  60. "Tibetan 100 Tam Srang Note". Chinese Numismatics in Research.
  61. 61,0 61,1 "Tibet: Government. Tam System: 1658-1659 (1912-1913) Issue". Banknote.ws. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2021. Consultado o 13 de outubro de 2021. 
  62. "Tibet. 5 Srang". Banknote.ws
  63. "Tibet. 10 Srang". Banknote.ws
  64. "Tibet. 25 Srang". Banknote.ws
  65. "Tibetan 100 Tam Srang Note". Chinese Numismatics in Research.
  66. "Tibet. 100 Tam Srang". Banknote.ws
  67. "Tibet. 100 Srang". Banknote.ws
  68. Anonymous, 1990
  69. "Drapchi Prison: Tibet’s most dreaded prison". Tibetan Centre for Human Rights and Democracy. 21 de agiosto de 2001.
  70. 70,0 70,1 Turner, J. (2020). "The Coin Dating Systems of Tibet, China". Professional Coin Grading Services.
  71. "Tibet. The formula for date conversion". Creounity Time Machine.
  72. 72,0 72,1 72,2 "Calendario tibetano". Misnumos.es

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]