José López Bouza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
José López Bouza
Nacementofebreiro de 1890
Lugar de nacementoFerrol
Falecemento30 de agosto de 1936
Lugar de falecementoFerrol
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

José López Bouza, nado en Ferrol en febreiro de 1890 e finado na mesma cidade o 30 de agosto de 1936, foi un político republicano galego que desenvolveu a súa carreira política no ámbito galego e morreu asasinado polos sublevados pouco despois de comezar a Guerra Civil.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ao alcanzar a maioría de idade emigrou a Arxentina, lugar tradicional de destino da emigración galega. Alí vinculouse ao anarcosindicalismo, e foi expulsado do país en outubro de 1911. Tralo seu retorno a Galicia, conseguiu un posto de traballo como funcionario municipal na súa localidade natal, á vez que continuaba coa súa militancia anarquista. Así, foi un dos máximos impulsores do Ateneo Obrero Sindicalista e da Comisión Pro Enseñanza Racionalista ferrolá, e un dos impulsores do Congreso Internacional da Paz, convocado a comezos de 1915 para reunir a socialistas, sindicalistas, anarquistas e sociedades obreiras de todo o mundo para terminar a primeira guerra mundial[1]. Foi detido varias veces polas súas actividades sindicalistas. Con todo, uns anos despois, cara a 1918, evolucionaría ao republicanismo de centro. Fundou unha escola en Canido, un barrio obreiro de Ferrol, á que acudían tanto pícaros como persoas maiores de toda a comarca ferrolá. A escola seguiu en funcionamento ata ben entrada a década de 1920[2].

Membro da ORGA, coa proclamación da República (foi a persoa que izou a bandeira republicana no concello de Ferrol) foi nomeado gobernador civil de Ourense o 17 de xuño de 1931 e despois de Lugo o 5 de agosto, permanecendo no cargo ata o 21 de xullo de 1932[3].

Presidente da ORGA en Ferrol, e posteriormente de Izquierda Republicana, tralo triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936, foi nomeado presidente da Deputación Provincial da Coruña (23 de marzo de 1936) e concelleiro de Ferrol. Tamén participou na campaña para a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, para a que debuxou un cartel pedindo o voto, baixo o pseudónimo de Zeus. Trala súa aprobación foi elixido presidente do Comité central de Autonomía de Galicia, que viaxou a Madrid no verán de 1936 a presentar o Estatuto ás Cortes Españolas. Ao producirse o Golpe de Estado do 18 de xullo, López Bouza, rexeitando os consellos de Castelao, decidiu volver á cidade, participando na defensa do concello contra os sublevados (20 de xullo). Trala rendición do edificio foi detido e xulgado, sendo condenado a cadea perpetua e trasladado ao buque prisión Plus Ultra. Porén, foi sacado do buque e fusilado no barrio de Canido o 30 de agosto de 1936, xunto a outras 18 persoas.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Estanislao Pérez Artime
 
Presidente da Deputación da Coruña
 
1936
Sucesor:
Joaquín Otero Goyanes