Liña de Wallace

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A liña de Wallace delimita as faunas australianas e do sueste asiático. A extensión de terra probable na época do último máximo glaciar, cando o nivel do mar estaba máis de 110 m por debaixo do actual, móstrase en gris. A zona de augas profundas do estreito de Lombok entre Balí e Lombok formou unha barreira acuática incluso cando os niveis máis baixos do mar uniron as agora illas e masas de terra separadas a ambos os lados.

A liña de Wallace é unha liña que marca a fronteira entre tipos de fauna trazada en 1859 polo naturalista británico Alfred Russel Wallace[1] e nomeada así por Thomas Henry Huxley, que separa as ecozonas de Asia e Wallacea, unha zona transicional entre Asia e Australia. Ao oeste desa liña viven organismos relacionados coas especies asiáticas; ao leste, vive unha mestura de especies de orixe asiática e australiana. Wallace decatouse desta clara división durante as súas viaxes polas Indias Occidentais no século XIX.

A liña discorre a través de Indonesia, entre Borneo e Sulawesi (Célebes), e a través do estreito de Lombok entre Balí e Lombok. A distancia entre Balí e Lombok é pequena, duns 35 km. As distribucións de moitas especies de aves teñen como límite esta liña, xa que moitas aves non cruzan nin sequera os estreitos máis curtos de augas oceánicas abertas. Algúns morcegos teñen distribucións que cruzan a liña, pero os animais terrestres máis grandes están xeralmente limitados a vivir a un dos lados da liña; son excepcións os macacos, porcos e tarseiros en Sulawesi. Outros grupos de plantas e animais mostran padróns que difiren cos límites marcados pola liña, pero o padrón xeral global é forte e razoablemente consistente coa liña. A flora non segue a liña de Wallace na mesma extensión que a fauna.[2] Un xénero de plantas que non cruza a liña é o xénero australiano Eucalyptus.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Debuxo orixinal da liña da publicación de Wallace.

Antonio Pigafetta deixou anotados os contrastes biolóxicos entre as Filipinas e as illas Molucas (illas das especias), as cales están en lados opostos da liña, en 1521 durante a continuación da viaxe de Fernão de Magalhães, despois de que mataran a Magalhães en Mactán. Ademais, como indicou o propio Wallace, as observacións sobre as diferenzas na fauna entre as dúas rexións foran xa sinaladas por George Windsor Earl. No opúsculo de Earl On the Physical Geography of South-Eastern Asia and Australia, publicado en 1845, describíase como mares pouco profundos conectaban as illas polo oeste (Sumatra, Xava etc.) co continente asiático e tiñan unha vida silvestre similar, mentres que as illas do leste, como Nova Guinea, estaban conectadas con Australia e estaban caracterizadas pola presenza de marsupiais. Wallace usou as observacións da súa longa viaxe pola rexión para propoñer unha liña que pasaría ao leste de Balí, xa que "todas as illas ao leste de Borneo e Xava formaran parte dun continente australiano ou pacífico, do cal estaban agora separadas."[3] O nome de 'liña de Wallace' foi utilizado por primeira vez por Thomas Huxley nun artigo de 1868 enviado á Sociedade Zoolóxica de Londres, pero mostraba a liña pasando polo oeste de Filipinas.[4][5] Os estudos de Wallace en Indonesia demostraron a teoría emerxente da evolución, aproximadamente ao mesmo tempo que Joseph Dalton Hooker e Asa Gray publicaron ensaios que apoiaban a hipótese de Charles Darwin.[6]

Bioxeografía[editar | editar a fonte]

A rexión de Wallacea situada entre a liña de Wallace (segundo Ernst Mayr ou Thomas Henry Huxley) e a liña de Lydekker

Para a comprensión da bioxeografía da rexión son fundamentais as relacións dos niveis do mar de tempos pasados coas plataformas continentais. A liña de Wallace é visible xeograficamente cando se examnan os contornos da plataforma continental. A liña pode verse como unha canle de augas profundas que marca o bordo sueste da plataforma da Sonda que conecta os fondos de Borneo, Balí, Xava e Sumatra coas terras continentais do sueste asiático. Australia está igualmente conectada pola plataforma Sahul con Nova Guinea. As fronteiras bioxeográficas coñecidas como liña de Lydekker, que separan o bordo leste de Wallacea da rexións australiana, teñen unha orixe similar na liña de Wallace.

Durante os avances dos glaciares da era glacial, cando o nivel do mar estaba 120 m máis baixo do que hoxe, tanto Asia coma Australia estaban unidas polo que agora son illas por medio das súas plataformas continentais emerxidas e formaban masas de terra continuas, pero as augas profundas entre esas dúas grandes áreas de plataforma continental permaneceron, durante uns 50 millóns de anos, como barreiras que mantiveron separadas as faunas e floras de Australia e Asia. Wallacea consta de illas que non estiveron recentemente conectadas por pontes de terra emerxida con ningunha das dúas masas de terra continentais, e por iso están poboadas por especies que poden cruzar os estreitos entre as illas. A chamada "liña de Weber" discorre a través desa área transicional (ao leste do centro), no punto en que cambia a dominancia das especies de Asia pola das de orixe australiana.[7]

Pode concluírse razoablemente que a liña era unha barreira oceánica que impedía a migración das especies porque os aspectos físicos das illas separadas son moi similares.[8] Entre as especies que se encontran só no lado asiático están os tigres e rinocerontes, mentres que os marsupiais e monotremos só se encontran no lado leste da liña.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Wallace, Alfred Russel (1863). "On the Physical Geography of the Malay Archipelago". Royal Geographical Society 7: 205–212.  with the original paper
  2. Van Welzen, P. C.; Parnell, J. A. N.; Slik, J. W. F. (2011). "Wallace's Line and plant distributions: Two or three phytogeographical areas and where to group Java?". Biological Journal of the Linnean Society 103 (3): 531–545. doi:10.1111/j.1095-8312.2011.01647.x. 
  3. Wallace 1863, p. 231.
  4. Huxley, T. H. (1868). "On the Classification and Distribution of the Alectoromorphae and Heteromorphae". Proceedings of the Zoological Society of London: 294–319. Consultado o Apr 25, 2015. 
  5. Camerini, Jane R. (1993). "Evolution, Biogeography, and Maps". Isis 84: 700–727. doi:10.1086/356637. 
  6. Bowler, Peter J. (1989). Evolution: The History of an Idea. University of California Press. p. 193. ISBN 0520063864. Consultado o 15 February 2016. 
  7. Mayr, E. (1944). "Wallace's Line in the Light of Recent Zoogeographic Studies". The Quarterly Review of Biology 19 (1): 1–14. JSTOR 2808563. doi:10.1086/394684. 
  8. Newton, Alfred (1874). Zoology. Society for Promoting Christian Knowledge. p. 51. Consultado o 15 February 2016. 
  9. Riley, Laura; William Riley (2005). Nature's Strongholds: The World's Great Wildlife Reserves. Princeton University Press. p. 602. ISBN 0691122199. Consultado o 15 February 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • van Oosterzee, Penny (1997). Where Worlds Collide: the Wallace Line.
  • Dawkins, Richard (2004). The Ancestor's Tale. Weidenfeld & Nicolson. ISBN 0-7538-1996-1. Chapter 14 - Marsupials.
  • Abdullah, M. T. (2003). Biogeography and variation of Cynopterus brachyotis in Southeast Asia. PhD thesis. The University of Queensland, St Lucia, Australia.
  • Hall, L. S., Gordon G. Grigg, Craig Moritz, Besar Ketol, Isa Sait, Wahab Marni and M. T. Abdullah (2004). "Biogeography of fruit bats in Southeast Asia". Sarawak Museum Journal LX(81):191-284.
  • Wilson D. E., D. M. Reeder (2005). Mammal species of the world. Washington DC: Smithsonian Institution Press.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]