Medicina

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Louis Pasteur (1822-1895)

A medicina é a área do coñecemento humano ligada ao mantemento e restauración da saúde. É, nun sentido amplo, a ciencia e a práctica da prevención e da cura das doenzas humanas. É a área de actuación do profesional formado nunha facultade de medicina.

Porén, non soamente a medicina contribúe para a cura do doente, senón que existen outra serie de disciplinas relacionadas coa saúde, tales como a Farmacia e Bioquímica (que produce e estuda os medicamentos e realiza exames de laboratorio), a Nutrición (que estuda a acción dos alimentos ou a falta deles sobre o corpo humano), a Psicoloxía (que estuda as alteracións emocionais e de comportamentos), a Enfermaría (que estuda e axe nos coidados do enfermo), a Fisioterapia (que axe no sentido de retornar os pacientes ao máis próximo posíbel do seu estado motor anterior e realizando a reeducación postural global) entre outros.

Hospital psiquiátrico de Conxo, Santiago de Compostela, fundado polo Cardeal Payá.

Segundo a Organización Mundial da Saúde, saúde non só a ausencia de doenza. É moito máis que iso, é o completo benestar social e económico do individuo. Ese é un dos motivos de estar a medicina tan intrínseca e historicamente ligada á política.

Historia da medicina[editar | editar a fonte]

Alegoría da Medicina (detalle), do escultor francés Claude Laprade (1702), do Museo Nacional Machado de Castro (Coímbra, Portugal).

A medicina tivo os seus comezos na prehistoria, a cal tamén ten o seu propio campo de estudo coñecido como "Antropoloxía médica"; utilizábanse plantas, minerais e partes de animais, na maioría das veces estas substancias eran utilizadas en rituais máxicos por chamáns, sacerdotes, magos, bruxos, animistas, espiritualistas ou adiviños.[1]

Os datos antigos encontrados mostran a medicina en diferentes culturas como a medicina Āyurveda da India, o antigo Exipto, a antiga China e Grecia.

Considérase que Hipócrates foi o pai da medicina. Viviu cerca de 300 anos antes de Cristo e deixou un legado ético e moral válido ata hoxe. Precursor do pensamento científico, procuraba detalles nas doenzas dos seus pacientes para chegar a un diagnóstico, prescindindo de explicacións sobrenaturais a pesar da limitación do coñecemento da época. Aínda antes da era cristiá, Asclepíades de Bitinia tentou conciliar o atomisto de Leucipo e Demócrito coa práctica médica.

No primeiro século de era cristiá, Claudio Galeno, outro médico grego, fixo contribucións substanciais (baseándose en experiencias con animais) para o desenvolvemento da medicina.

Despois de 750 d.C. os musulmáns traduciron os traballos de Galeno e Aristóteles ó árabe polo cal os doutores Islámicos introducíronse na investigación médica. Cabe mencionar algunhas figuras islámicas importantes como Avicenna que xunto con Hipócrates tamén é mencionado como pai da medicina, Abulcasis o pai da cirurxía, Avenzoar o pai da cirurxía experimental, Ibn al-Nafis pai da fisioloxía circulatoria, Averroes e Rhazes chamado pai da pediatría.[2]

Na Idade Media os relixiosos asumiron o control da arte de curar a través de medicamentos e deixaron para os barbeiros, que xa lidaban coa navalla, a arte de drenar abscesos e retirar pequenas imperfeccións da pel. A formación de secrecións purulentas era considerada normal e saudábel. Xa para finais da Idade Media posterior á peste negra, importantes figuras médicas emerxeron de Europa como William Harvey e Grabiele Fallopio.

En 1865, Louis Pasteur presentou a teoría que as infeccións eran causadas por seres vivos. Foi el o inventor do proceso de pasteurización, moi utilizado no leite. Lister, en 1865, aplicou pola primeira vez unha solución antiséptica nun paciente con fracturas complexas, con efecto profiláctico na infección. Iniciouse unha nova era. En 1928 Alexander Fleming descubriu a penicilina ao observar que as colonias de bacterias non crecían ao redor do mofo dalgunhas placas de cultivo. Xorde unha nova era: a dos antibióticos, que permitiu aos médicos curaren infeccións antes consideradas mortais. A evolución desde entón non parou. A eterna loita do home contra a morte entrou nunha nova etapa, cada vez máis moderna.

Ciencias médicas e profesións médicas[editar | editar a fonte]

A Medicina ten dous aspectos: é unha área de coñecemento (isto é, unha ciencia) e é unha área de aplicación dese coñecemento (as profesións médicas). Podemos considerar dúas grandes areas na práctica profesional, a medicina, que trata das doenzas dos seres humanos, e a veterinaria, que trata das doenzas das outras especies de animais. A Medicina baseada en evidencias é unha tentativa de ligar eses dous aspectos (ciencia e práctica) a través do uso do método científico, buscando a través de técnicas e investigacións científicas o mellor tratamento para un determinado paciente.

Ás veces, pode ser difícil distinguir entre ciencia e profesión en Medicina. Diferentes ramas especializadas da Medicina estúdanse como ciencias básicas especializadas e polas correspondentes profesións médicas, igualmente especializadas, que lidan con órganos, sistemas orgánicos e as súas doenzas. As ciencias básicas da medicina frecuentemente son as mesmas doutras áreas da ciencia como a bioloxía, a física, a ciencia veterinaria e a química.

O 18 de setembro celébrase o Día Mundial da Ética Médica, en conmemoración da fundación, nese mesmo día de 1947, da Asociación Médica Mundial. Esta organización nace inmediatamente despois dos Xuízos de Núremberg por crimes de guerra contra médicos alemáns polos seus experimentos nos campos de concentración nazis [3] [4].

Ciencias básicas, suplementarias e relacionadas[editar | editar a fonte]

A peste negra. "The Chronicles of Gilles Li Muisis" (1272-1352), abbot of the monastery of St. Martin of the Righteous. Bibliothèque royale de Belgique, MS 13076-77, f. 24v.

Especialidades diagnósticas e de imaxe[editar | editar a fonte]

  • Bioquímica clínica
  • Microbioloxía clínica: orientada cara os diagnósticos in vitro de enfermidades bacterianas, fúnxicas e protozoarias.
  • Informática Médica: campo de estudo relacionado coa vasta gama de recursos que poden aplicarse na xerencia e utilización da información biomédica, incluíndo a computación médica e o propio estudo da natureza da información médica.
  • Radioloxía: comporta desde a visión do corpo humano a través de radiografías simples ou contrastadas, e tamén a tomografía computadorizada.
  • Ultra-sonografía: estudo do corpo humano a través do ultrasón, que forma sombras e ecos nas estruturas do corpo humano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Infectious and Epidemic Disease in History (en inglés)
  2. "Medieval Sourcebook: Usmah Ibn Munqidh (1095-1188): Autobiography, excerpts on the Franks". Fordham.edu. Consultado o 4 de maio de 2009. 
  3. "AMM celebra 70º aniversario el día de la ética médica" (en castelán). Consultado o 2022-11-20. 
  4. "En el Día Anual de la Ética Médica", Javier Martínez-Pérez Mendaña, en La Voz de Galicia 18.09.2017.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]