Melchor de Prado y Mariño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Melchor de Prado y Mariño
Nacementoanos 1770
Lugar de nacementoSantiago de Compostela
Falecemento1834
Lugar de falecementoA Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónarquitecto
PeríodoNeoclasicismo
editar datos en Wikidata ]

Melchor de Prado y Mariño, nado en Santiago de Compostela contra 1770 e finado na Coruña en 1834, foi un arquitecto galego,[1] [2] o máximo representante en Galicia do neoclasicismo na súa fase de maior pureza e plenitude.[2]

Foi o irmán máis vello do escultor Manuel de Prado Mariño.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Igrexa de San Bieito do Campo.
Parte superior da fachada da Capela de Ánimas de Santiago.

Formación[editar | editar a fonte]

Comezou os seus estudos artísticos na "escola patriótica de debuxo" que a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, estableccera en 1792 no mosteiro de San Martiño Pinario, dirixida por Miguel Ferro Caaveiro. É daquela, seguramente, cando tomaría contacto por primeira vez coa arte de construír, pero non foi até 1792 cando grazas á protección do arcebispo de Santiago Sebastián Malvar, puido ingresar como alumno na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid, onde se relacionou con outros arquitectos da súa xeración. Ao non poder alcanzar o seu desexo de trasladarse a Roma para estudar alí, tivo que conformarse con coñecer a arquitectura antiga e moderna nos libros ilustrados da biblioteca da Academia, tales como os máis prestixiosos tratados teóricos da Antigüidade; a eles, especialmente a Vitruvio, arquitecto romano que viviu no século I a.C., e ao veneciano Palladio,[2] considerado como o arquitecto que talvez «mellor soubo actualizar a herdanza das formas clásicas na realidade do momento central do Cinquecento»,[3] debe o severo e rigor arquitectónico que o caracterizou.[2]

Obras[editar | editar a fonte]

Tendo en conta os anos que hai que considerar que durou a súa formación, a súa produción comozou relativamente cedo, xa que nos anos 1794 e 1795, sendo aínda alumno da Academia de San Fernando, o Cabido compostelán requiriulle senllos proxectos para a reconstrución da Porta Santa da catedral de Santiago e da igrexa de San Bieito do Campo da mesma cidade.[2]

Porén, a súa carreira como profesional titulado non comezou até 1796, ano en que, por un proxecto para unha biblioteca, conferíuselle o rango de "académico de mérito". É a partir de entón cando comeza a súa etapa de maior actividade. Participa, por encargo do rei Carlos IV, unha comisión artística ao Reino de Portugal; toma parte, nos anos 1789 e 1790, con Cornide, na expedición arqueolóxica á recentemente descuberta, preto de Segóbriga, a coñecida como basílica de Cabeza de Grego, prerrománica, que nos anos posteriores foi espoliada, e das que se coñecen as súas características pola memoria que presentou Cornide en 1793.[2] [4]

A partir do ano 1800, cando se resolve o conflito con Miguel Ferro Caaveiro (ver máis abaixo), foi cando de Prado realizou a maior parte dos seus traballos. Entre outros, en 1803 interveu na fábrica de louza de Sargadelos, e despois en reformas urbanísticas en Ribadeo, en Noia e en pontes e estradas de Galicia.[1] [5] Tamén se sabe que deseñou moitos retablos. Entre 1818 e 1834, ano en que faleceu, foi arquitecto municipal da Coruña. A súa obra máis importante é a Colexiata de Vigo. En Santiago deu as trazas para a fachada da igrexa de San Miguel dos Agros, sendo rematadas as obras por José Otero no século XIX. Deu, tamén, as trazas para a fachada da igrexa de San Bieito do Campo e as da capela de Ánimas, ambas en Santiago. Construíu na Coruña o camarín e altar das Dores da igrexa de San Nicolás; en Pontevedra, a capela dos Milagres, e, en Lugo, o tabernáculo da Capela Maior da catedral.[1] [5]

Conflito con Miguel Ferro Caaveiro[editar | editar a fonte]

De regreso a Santiago, á volta da expedición arqueolóxica con Cornide, prodúcese un sonado conflito de competencias entre Melchor de Prado e o seu vello mestre Miguel Ferro Caaveiro.

Por un Real Auto, do 24 de outubro de 1780 nomeábase a Miguel Ferro Caaveiro arquitecto director das obras públicas e privadas da cidade de Santiago, e ningunha obra podía levarse a cabo se non era coa súa aprobación. Isto foi a causa dunha disputa pola dirección das obras en Compostela. Este conflito foi importante, en certo modo, porque achegou informacións sobre unha serie de edificacións nas que Miguel intervira, e tamén porque enfrontou a un académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando —Melchor de Prado— cun arquitecto non académico —Caaveiro—. Este último alegou no seu favor que, pese a non ser arquitecto formado ou titulado en ningunha academia, intervira en tal número de realizacións que case non existía obra nin edificio públco ningún en toda Galicia, no espazo de máis de trinta anos, que non fora, polo menos, proxecto seu.[6] A querela resolveuse en 198 cunha concordia entre ambos os dous arquitectos na que, máis ou menos, se delimitban aas súas respectivas áreas de actuación.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Melchor de Prado en Galegos.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Vigo Trasancos 1974, p. 202.
  3. Hernández Perera, Jesús (1999): Cinquecento y manierismo en Italia. Madrid: Historia Viva. ISBN 84-7679-415-0.
  4. Basílica de Cabeza de Griego en Turismo prerrománico.com (en castelán)
  5. 5,0 5,1 Vigo Trasancos 1974, p. 203.
  6. Ortega Romero 1974, p. 157.
  7. Vigo Trasancos 1974, pp. 202-203.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]