Metroloxía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O emperador Jahangir (que reinou entre 1605 e 1627) pesando a seu fillo Shah Jahan nunha balanza, polo artista Manohar (ca. 1615, dinastía Mughal, India).

A metroloxía, do grego antigo μέτρoν (métron, 'medida') e λόγoς (lógos, 'tratado') é a ciencia da medición ou da medida. (En grego antigo o termo μετρολογία, metrología, significaba 'teoría das relacións').[1]

A Oficina internacional de pesos e medidas, OIPM (International Bureau of Weights and Measures, BIPM, en inglés) define a metroloxía como a ciencia da medida, que inclúe o estudo, mantemento e aplicación do sistema de pesas e medidas, tanto desde o punto de vista experimental como teórico e tamén o nivel de incerteza no campo da ciencia e a tecnoloxía.[2]

Abrangue, ademais, todos os aspectos teóricos e prácticos que aseguran a precisión exixida no proceso produtivo, procurando garantir a calidade de produtos e servizos a través da calibración dos instrumentos de medida, sexan analóxicos ou electrónicos (dixitais), e da realización de ensaios, sendo a base fundamental da competitividade das empresas.

Características[editar | editar a fonte]

Balanza de precisión para pesar prata e ouro que se encontra no Arquivo Histórico e Museo de Minaría de Pachuca, México.
Moderna balanza electrónica de laboratorio.
Cinta métrica do tipo das denominadas flexómetro.
Pé de rei con nonio dixital.
Reloxo de peto.
Cronómetro moderno.

O obxectivo fundamental da metroloxía é a obtención e expresión do valor das magnitudes, garantindo a trazabilidade dos procesos e a consecución da exactitude requirida en cada caso, empregando para iso instrumentos, métodos e medios apropiados.

A Metroloxía actúa tanto nos ámbitos científico, industrial e legal, así como en calquera outro demandado pola sociedade. Ten dúas características moi importantes: o resultado da medición e a incerteza de medida.

Os científicos e os enxeñeiros utilizan unha gran variedade de instrumentos para levar a cabo as súas medicións. Desde obxectos sinxelos como regras e cronómetros, até potentes microscopios, medidores de láser e incluso avanzadas computadoras moi precisas.

Por outra parte, a metroloxía é parte fundamental do que nos países industrializados se coñece como Infraestrutura Nacional da Calidade,[3] composta de actividades como normalización, ensaios, certificación e acreditación, que á súa vez son dependentes das actividades metrolóxicas que aseguran a exactitude das medicións que se efectúan nos ensaios, cuxos resultados son a evidencia para as certificacións.

A metroloxía permite asegurar a comparabilidade internacional das medicións e, por tanto, a intercambiabilidade dos produtos a escala internacional.

No ámbito metrolóxico os termos teñen significados específicos, e estes están recollidos no Vocabulario Internacional de Metroloxía ou VIM (IVM nas súas siglas internacionais en inglés).[4]

Motivo da súa implantación[editar | editar a fonte]

A norma ISO serie 9000 define explicitamente a relación entre garantía da calidade e a metroloxía, estabelecendo directrices para manter un control sobre os instrumentos de medida das empresas, facendo así necesaria a implantación dun proceso metrolóxico nas empresas que buscas ou posúen unha certificación.

O factor da "globalización dos mercados" tamén pon en práctica un dos seus principais obxectivos, que é traducir a confiabilidade nos sistemas de medición e garantir que as especificacións técnicas, regulamentos e normas existentes, proporcionen as mesmas condicións de perfecta aceptabilidade na montaxe e encaixe de partes de produtos finais, independentemente de onde sexan producidas.

Outro obxectivo, non menos importante, está na melloría do nivel de vida da poboación mediante o consumo de produtos de calidade, da preservación da seguridade, da saúde e do medio ambiente.

Áreas da metroloxía[editar | editar a fonte]

Basicamente, a metroloxía divídese en tres grandes áreas:

  • A metroloxía científica, que utiliza nos laboratorios instrumentos, investigacións e metodoloxías científicas, que teñen por base padróns de medición nacionais e internacionais, para alcanzar altos niveis de calidade metrolóxica.
  • A metroloxía industrial, cuxos sistemas de medición controlan os procesos produtivos industriais e son responsábeis da garantía de calidade dos produtos acabados.
  • A metroloxía legal, que controla e fiscaliza todos aqueles instrumentos e medidas que están relacionadas co consumidor.

Papel da metroloxía na organización industrial[editar | editar a fonte]

A metroloxía garante a calidade do produto final favorecendo as negociacións pola confianza do cliente, sendo un diferenciador tecnolóxico e comercial para as empresas.

Reduce o consumo e o desperdicio de materias primas pola calibración de compoñentes e equipamentos, aumentando a produtividade.

E tamén reduce a posibilidade de rexeitamento do produto, resgardando os principios éticos e morais da empresa na atención das necesidades da sociedade en que está inserida, evitando desgastes que poden comprometer a súa imaxe no mercado.

Por que calibrar?[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Calibración.

A calibración é a comparación entre os valores indicados por un instrumento de medida e os indicados por un padrón (equipamento de clase superior).

A calibración dos equipos de medición é unha función importante para a calidade do proceso produtivo e debe ser unha actividade normal de produción que proporciona unha serie de vantaxes tales como:

  • Garante a rastrexabilidade das medicións.
  • Permite a confianza nos resultados medidos.
  • Reduce a variación das especificacións técnicas dos produtos.
  • Prevén defectos.
  • Compatibiliza as medidas.

Por que ensaiar?[editar | editar a fonte]

A través dos ensaios é posíbel verificar se os produtos ou procesos de fabricación están de acordo con determinadas normas e especificacións técnicas para que, en casos de fallos, as empresas procedan ás oportunas correccións, que as beneficiará polo aumento da competitividade, e aos consumidores, polo aceso a produtos ou servizos que respondan a padróns mínimos de calidade.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fenton, E. N. (1991): Software Metrics, A Rigourous Approach. Chapman & Hall.
  • Fenton, E. N. e Pfleeger, S. L. (1996): Softaware Metrics, A Rigourous & Practical Approach, Segunda edición. Thompson Publishing.
  • Habrias H. (1995): La mesure du logiciel. Tolosa: Tekenea.
  • Hocquet, J-C. (1995): La métrologie historique. París: Presses Universitaires de France. Que sais-je?.
  • Jedrzejewski, F. (2002): Histoire universelle de la mesure. París: Ellipses. ISBN 2-7298-1106-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]