Oriente Medio

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Oriente Próximo»)

Oriente Medio
Middle East
Mapa do Oriente Medio (verde).
Países18
Zonas horariasUTC+2:00, UTC+3:00, UTC+3:30, UTC+4:00, UTC+4:30
Cidades máis grandes Istambul
Exipto O Cairo
Irán Teherán
Bagdad
Riad

Coñécese como Oriente Medio (en árabe: الشرق الأوسط) unha rexión do suroeste de Asia que vai dende Siria ata a fronteira irano-afgá, pasando pola península de Arabia.

Historicamente foi o nome con que os primeiros xeográfos europeos modernos designaron os territorios situados na beira leste do mar Mediterráneo. Coincidía aproximadamente cos fronteiras occidentais do Imperio Otomán, e por este motivo ás veces incluía a península dos Balcáns. A comezos do século XX, faciase un uso máis restrinxido desta denominación, comprendendo os actuais estados de Turquía, Siria, o Líbano, Israel, Palestina e Exipto. Pero a evolució política posterior á segunda guerra mundial fixo que na actualidade abrangue tamén outros estados de maioría musulmá, desde o Magreb até Iraq e o Sudán, así como Irán e mesmo Afganistán e Paquistán. Con todo, os estados incluídos varían segundo o contexto de referencia, o punto de vista utilizado etc.[1]

O nome de Oriente Medio utilízase por medio da expresión inglesa Middle East, que se refire a unha división do Oriente anticuada, pero que trala caída do imperio Otomán se fixo máis usada en inglés e traducida a numerosas linguas. O uso da expresión Oriente Medio recibiu críticas polo seu eurocentrismo implícito[2][3] Algúns medios de comunicación contemporáneos utilizan esta expresión tanto para os países europeos como non europeos, o que contrasta coa designación similar, Mashreq, que se utilita especialmente en contextos de lingua árabe[4].

Por diversos motivos esta é unha das zonas con máis conflitos xeopolíticos do mundo. Moitos autores destacan que o factor causante da conflictividade foi a repartición das posesións otomás despois da primeira guerra mundial, cando se predeterminou o trazado das fronteiras e o nacemento do estado de Israel. Outro factor é a cantidade de recursos naturais, como o petróleo. Durante o século XX Oriente Medio viviu varios conflitos de relevancia: catro guerras árabe-israelís, a guerra entre Iraq e Irán, a guerra do Golfo nas súas diferentes etapas, a guerra civil do Líbano, e a revolución islámica de Khomeini en Irán, con importantes repercusións para todo o mundo musulmán. A relixión islámica é na actualidade maioritaria na rexión.

Etimoloxía e historia do termo[editar | editar a fonte]

O Oriente Medio tradicional e o Gran Oriente Medio concibido pola Administración Bush.
Mapa do Oriente Medio.
Mapa físico da zona.

O termo «Oriente Medio» tería orixe británica, xa que é unha tradución literal do inglés "Middle East", orixinándose nos anos 1850 probablemente relacionado coa British India Office.[5] Considérase que é un termo eurocéntrico xa que define unha rexión en virtude da súa situación con relación a Europa: a unha distancia mediana e en dirección a Oriente (entre o próximo e o afastado Oriente).

O termo fíxose amplamente coñecido cando o estratego naval estadounidense Alfred Thayer Mahan[6] o usou en 1902 para identificar a rexión entre Arabia e a India británica. Por esa época, o Imperio británico e o Imperio ruso disputábanse a influencia en Asia Central, rivalidade que se coñeceu como o Gran Xogo. Mahan deuse conta non só da importancia estratéxica da rexión, senón tamén a do seu núcleo, o golfo Pérsico.[7][8]

Manhan etiquetou a área ao redor do golfo Pérsico como «Oriente Medio» e afirmou que, despois da canle de Suez, era o territorio máis importante para que Gran Bretaña puidese controlar o avance ruso cara á India.[9]

Usou o termo no seu artigo "The Persian Gulf and International Relations" («O golfo Pérsico e as relacións internacionais»), publicado en setembro de 1902 no diario británico National Review.

O Oriente Medio, se podo adoptar un termo que nunca vin, un día necesitará a súa Malta, o seu Xibraltar, é dicir, o seu enclave británico no golfo Pérsico. A forza naval ten a vantaxe da mobilidade, o cal trae consigo o privilexio das ausencias temporais; pero necesita atopar en cada escenario de operacións bases establecidas para reparacións, provisións e, en caso de desastre, para a seguridade. A Mariña Real Británica debería ter a facilidade de concentrar a súa forza, se chega a ocasión, en Aden, India e o golfo Pérsico.[10]

O artigo foi reimpreso en The Times e foi seguido en outubro por unha serie de vinte artigos titulados "The Middle Eastern Question", escritos por sir Ignatius Valentine Chirol. Neles, Chirol expandío a definición de «Oriente Medio» para incluír «aquelas rexións de Asia que se estenden ata os límites da India ou se aproximan a ela». Cara ao final da serie, en 1903, The Times eliminou as comillas ao usar o termo.[11]

Nos anos 1930, os británicos estableceron como parte do seu exército o "Comando do Oriente Medio" con base no Cairo.

Ata a segunda guerra mundial, era frecuente chamar Oriente Próximo á costa leste do Mediterráneo e Extremo Oriente ás proximidades da China.[12] En 1946 fúndase en Washington DC o "Instituto do Oriente Medio" como un centro cultural para asuntos árabes, turcos, hebreos, persas, afgáns e paquistanís, entre outros, gañando difusión internacional o termo "Oriente Medio".[13]

Crítica e ambigüidade no uso[editar | editar a fonte]

O termo Oriente Medio foi criticado polo seu eurocentrismo, polo que termos como Asia Occidental (ou suroccidental) forón gañando aceptación en moitos traballos académicos e noutras áreas.

Algunhas disciplinas académicas como a arqueoloxía e a historia antiga continúan usando o termo Oriente Próximo (ver Antigo Oriente Próximo) pero na maioría de temas imponse largamente o termo Oriente Medio. Cando termina a primeira guerra mundial e cae o Imperio Otomán (o cal estaba comunmente identificado co termo Próximo Oriente), emerxe un novo mundo islámico e comezan a usarse ambos termos indistintamente e aparece a ambigüidade entre eles.

En 1957, o goberno estadounidense fai uso oficial do termo Middle East estendéndoo tan lonxe como Paquistán por unha banda e Libia e ata Etiopía polo outro,[14] con todo en 1958, o departamento de Estado redefine a rexión equiparándoa ao suroeste de Asia máis Exipto e recoñecendo que os termos Near East e Middle East son intercambiables.[15]

En alemán Naher Osten (Próximo Oriente) está gañando máis aceptación que Mittlerer Osten; igualmente en linguas eslavas como o ruso onde Ближний Восток (Blizhniy Vostok) ten máis aceptación que Средний Восток. Noutros idiomas a ambigüidade do galego Oriente Medio/Oriente Próximo repítese en francés: Moyen-Orient / Proche-Orient, italiano: Medio Oriente / Vicino Oriente, árabe: الشرق الأوسط Ash-sharq-l-awsat / شرق أدنى, turco: Orta Doğu / Yakın Doğu, persa: خاورمیانه Khāvarmiyāneh / خاور نزدیک, hebreo: המזרח התיכון Mizraj-Ha-Tijon / המזרח הקרוב e ao final é constatable ver que en realidade cada idioma ten unha forma para ambas acepcións.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Composición de Oriente Medio

Debido a diferenzas de criterio á hora de definir a área xeográfica que comprende, esta sería a máxima interpretación de Oriente Medio:

Relevo[editar | editar a fonte]

O monte Ararat
Dasht-e Kavir o gran deserto de sal do Irán

O Oriente Medio ten principalmente áreas de relevo baixo, aínda que algunhas zonas de Turquía, Irán e o Iemen son moi montañosas. O Anatolia atópase entre dúas cadeas montañosas: Pontus e Taurus. O monte Ararat, en Turquía, ten unha altura de 5.165 metros, e o máis alto na rexión, o monte Damavand, nas montañas Elburz de Irán, ten unha altura de 5.610 metros.[16] Os montes Zagros atópanse en Irán, na área da súa fronteira con Iraq. En varias rexións do Iemen as elevacións exceden os 3.700 metros, e as terras elevadas esténdense ao longo do Mar Vermello cara ao Líbano. O centro de Irán divídese en dúas concas con lagos de sal ocasionais: o norte Dasht-e Kavir (Gran deserto de sal), e ao sur Dasht-e Lut.

Ademais, hai unha falla xeolóxica ao longo do Mar Vermello, con zonas rift que crean depresións estruturais con áreas por baixo do nivel do mar.[17] O mar Morto, situado na fronteira entre a Cisxordania, Israel e Xordania, esta 418 metros por baixo do nivel do mar, o que o converte no punto máis baixo da superficie terrestre.[18]

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia do Oriente Medio.
O Monte do Templo de Xerusalén
O Oriente Medio tradicional e o Gran Oriente Medio concibido pola administración Bush.

Situada na unión de Eurasia e África, entre o mar Mediterráneo e o océano Índico, esta zona é centro de asuntos de importancia mundial nos ámbitos estratéxico, económico, político, cultural e relixioso. Coñecemos a historia desta rexión sobre todo polos escritos do Antigo Testamento e dos historiadores gregos, e polas escavacións arqueoloxía que se levan facaendo desde o século XIX. A zona está poboada desde o 8000 a.C., como proban os restos arqueolóxicos de Xericó.

Ao longo da historia, os países desta parte do mundo a miúdo experimentaron os mesmos cambios. Por exemplo, as conquistas do imperio persa, de Alexandre o Grande e do islam. Posteriormente formou parte do Imperio Otomán e das colonias británicas. Foi o centro espiritual da igrexa ortodoxa, do islam, do xudaísmo, xadidismo, mitraísmo, zoroastrismo, maniqueísmo e a fe bahá'í.

A historia moderna de Oriente Medio comezou despois da primeira guerra mundial, cando o Imperio Otomán, que se aliou cos vencidos (as potencias centrais), foi dividido en moitas nacións independentes. Outros acontecementos decisivos nesta transformación foron o establecemento do estado de Israel o ano 1948 e o declive das potencias europeas como o Reino Unido e Francia, que foron parcialmente suplantadas en influencia pola nación máis poderosa do momento, os Estados Unidos de América.

No século XX, a considerable reserva de petróleo na rexión conferiulle a zona unha nova importancia estratéxica e económica. A extracción masiva de petróleo comezou ao redor de 1945, en Arabia Saudita, Irán, Kuwait, Iraq, e nos Emiratos Árabes Unidos .[19] As reservas estratéxicas de petróleo, especialmente en Arabia Saudita e Irán, son das máis grandes do mundo e a OPEP está dominada polos países do Oriente Medio.

Durante a Guerra fría, Oriente Medio foi escenario da loita ideolóxica entre as dúas superpotencias, Estados Unidos e a Unión Soviética, que competían por influencia e aliados. Desde o final da segunda guerra mundial, a rexión tivo períodos de relativa paz e tolerancia, interrompidos con conflitos e guerras como forón a guerra do Golfo, a guerra de Iraq, o conflito árabe-israelí e programa nuclear de Irán.

Economía[editar | editar a fonte]

A economía de Oriente Medio oscila entre os países máis pobres da rexión, como o Iemen, ás nacións máis desenvolvidas, como Arabia Saudita. En 2007, segundo datos de CIA, mantívose unha taxa de crecemento positiva, xa que contén as maiores reservas de petróleo] do mundo. Os tres países con maior PIB en 2006 son Qatar (36.632 dólares), Emiratos Árabes Unidos (34.109 dólares) e Kuwait (20.886 dólares).

A estrutura económica dos países de Oriente Medio son diferentes no sentido de que mentres algunhas nacións son só dependentes de exportar petróleo e os seus derivados (Arabia Saudita, EAU e Kuwait), outros teñen unha gran base económica (Turquía e Exipto). As actividades económicas de Oriente Medio son: petróleo e os seus derivados, a agricultura, o cultivo de algodón, a industria téxtil, a elaboración de produtos feitos de coiro, fabricación de equipamento bélico (armas, municións, tanques, submarinos, mísiles). A actividade bancaria é tamén un sector importante da economía, especialmente nos EAU e Bahrein. O turismo, coa excepción de Turquía e Exipto, non está explotado completamente. Nos últimos anos, os países comezaron a ter un gran número de turistas, xa que os seus gobernos mellorarón as infraestruturas das cidades, sobre todo en Dubai nos EAU onde os turistas crecen a case 10% anual.

Cultura[editar | editar a fonte]

Na rexión fálanse linguas da familia indoeuropea, afroasiática e árabe. Este idioma predomina na literatura culta e é a lingua da relixión maioritaria na zona, o islam, aínda que hai crentes xudeus e cristiáns.

Artes plásticas e arquitectura[editar | editar a fonte]

Danza[editar | editar a fonte]

A Raks Sharki رقص شرقي (Baile da Odalisca) chamada Danza árabe ou Danza do ventre, é unha das máis antigas do mundo. As súas orixes exactas son incertas, pero combina elementos das danzas de Oriente Medio e do norte de África. O dabke libanés e os bailes dos derviches turcos tamén son populares fóra dos seus países de orixe.

Demografía[editar | editar a fonte]

Grupos étnicos[editar | editar a fonte]

Varias etnias e relixións do Oriente Medio no século XIX.

Os árabes constitúen o grupo étnico máis grande do Oriente Medio, seguido por varios pobos iranianos e logo por grupos de fala turca (turcos, azeríes e turcománs iraquís). Os grupos étnicos autóctonos da rexión inclúen, ademais dos árabes, arameos, asirios, baloches, bérberes, coptos, drusos, grecochipriotas, xudeus, kurdos, luros, mandaeos, persas, samaritanos, shabaks, tatas e zazas. Os grupos étnicos europeos que forman unha diáspora na rexión inclúen albaneses, bosníacos, circasianos (incluídos kabardinos), tártaros de Crimea, gregos, franco-levantinos, italo-levantinos e turcománs iraquís. Entre outras poboacións migrantes atópanse chineses, somalís, filipinos, indios, indonesios, paquistanís, paxtuns, romaníes e afroárabes.

Migración[editar | editar a fonte]

"A migración sempre supuxo un importante paso para as presións do mercado de traballo no Oriente Medio. Durante o período comprendido entre os anos 70 e 90, os estados árabes do Golfo Pérsico, en particular, proporcionaron unha rica fonte de emprego para traballadores de Exipto, Iemen e os países do Levante, mentres Europa atraera a mozos traballadores de países do norte de África debido á proximidade e ao legado dos lazos coloniais entre Francia e a maioría dos estados do norte de África."[20] Segundo a Organización Internacional para as Migracións, hai 13 millóns de emigrantes de primeira xeración procedentes de nacións árabes no mundo, dos cales 5,8 residen noutros países árabes. Os expatriados de países árabes contribúen á circulación de capital financeiro e humano na rexión e impulsan de xeito importante o desenvolvemento rexional. En 2009 os países árabes recibiron un total de 35.1 millóns de dólares en ingresos de fluxos e as remesas enviadas a Xordania, Exipto e Líbano doutros países árabes son dun 40 ao 190 por cento superiores aos ingresos comerciais entre estes e outros países árabes.[21] En Somalia, a guerra civil de 1986 aumentou considerablemente o tamaño dos expatriados somalís, xa que moitos dos somalís mellor formados fóronse aos países do Medio Oriente, así como a Europa e América do Norte.

Os países non árabes do Oriente Medio como Turquía, Israel e Irán tamén están suxeitos a importantes dinámicas migratorias.

Galería de imaxes de cidades[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Enciclopèdia Catalana, SAU (ed.). "Orient". L'Enciclopèdia (en catalán). Consultado o 5 de outubro do 2015. 
  2. "Redrawing American Cartographies of Asia" Arquivado 23 de outubro de 1999 en Wayback Machine., artigo de Ella Shohat, City University of New York (en inglés).
  3. "The Middle East, in whose world?" Arquivado 18 de outubro de 2013 en Wayback Machine., artigo de Hassan Hanafi, Nordic Society for Middle Eastern Studies (en inglés).
  4. Anderson, Ewan W., William Bayne Fisher (2000): The Middle East: Geography and Geopolitics. Routledge. Páx. 12–13 (en inglés).
  5. Beaumont, Peter, Gerald H. Blake, J. Malcolm Wagstaff (1988). The Middle East: A Geographical Study. David Fulton. p. 16. 
  6. Koppes, C.R. (1976). "Captain Mahan, General Gordon and the origin of the term "Middle East"". Middle East Studies 12: p. 95–98. 
  7. Melman, Billie. The Cambridge Companion to Travel Writing: 6 The Middle East / Arabia Arquivado 25 de xullo de 2011 en Wayback Machine., Cambridge Collections Online. Retrieved January 8, 2006.
  8. Palmer, Michael A. Guardians of the Persian Gulf: A History of America's Expanding Role in the Persian Gulf, 1833-1992. New York: The Free Press, 1992. ISBN 0-02-923843-9 p. 12-13.
  9. Laciner, Dr. Sedat. "Is There a Place Called 'the Middle East'? Arquivado 06 de outubro de 2015 en Wayback Machine.", The Journal of Turkish Weekly, June 2, 2006. Retrieved January 10, 2007.
  10. Adelson, Roger. London and the Invention of the Middle East: Money, Power, and War, 1902-1922. New Haven: Yale University Press, 1995. ISBN 0-300-06094-7 p. 22-23
  11. Adelson, Roger (1995). London and the Invention of the Middle East: Money, Power, and War, 1902-1922.. Yale University Press. ISBN 0-300-06094-7.
  12. Davison, Roderic H. (1960). "Where is the Middle East?". Foreign Affairs 38: p. 665–675. 
  13. Held, Colbert C. (2000). Middle East Patterns: Places, Peoples, and Politics. Westview Press. p. 7. ISBN 0-8133-8221-1.
  14. Davison, Roderic H. (1960). "Where is the Middle East?". Foreign Affairs 38 (4): 665–675. doi:10.2307/20029452
  15. "'Near East' is Mideast, Washington Explains". The New York Times. 1958-08-14. http://select.nytimes.com/gst/abstract.html?res=F70E10FC3D59127A93C6A81783D85F4C8585F9&scp=1&sq='Near%20East'%20is%20Mideast,%20Washington%20Explains&st=cse. Retrieved 2009-01-25
  16. Beaumont, Peter, Gerald H. Blake, J. Malcolm Wagstaff (1988). The Middle East: A Geographical Study. David Fulton. p. 19. 
  17. Sweeney, Jerry J., William R. Walter. Lawrence Livermore National Laboratory, ed. "Preliminary Definition of Geophysical Regions for the Middle East and North Africa" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de novembro de 2007. Consultado o 14 de abril de 2017. 
  18. NASA (ed.). "ASTER Image Gallery: The Dead Sea". Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2011. Consultado o 14 de abril de 2017. 
  19. Goldschmidt Jr., Arthur (1999). A Concise History of the Middle East. Westview Press. p. 8. 
  20. Hassan, Islam; Dyer, Paul (2017). "The State of Middle Eastern Youth". The Muslim World (en inglés): 107. 
  21. "IOM Intra regional labour mobility in Arab region Facts and Figures (English)" (PDF). Archived (PDF) from the original on 2011-04-30. Retrieved 2012-10-31.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]