Paio, mártir

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Paio (mártir)»)
San Paio
Óleo do martirio de San Paio, 1520.
Mártir
Biografía
Nacemento911 en Albeos, Crecente
Pasamento925 en Córdoba
Proceso de canonización
Veneración
Venerado/a enIgrexa católica
Festividade26 de xuño
Patrón/a deSeminario Menor de Tui e de moitas parroquias galegas

San Paio Mártir, nado en Albeos (Crecente, daquela parte do condado de Turonia, no Reino de Galicia) no ano 911 e finado en Córdoba o 26 de xuño de 925, foi un rapaz cristián galego martirizado durante o califato de Abd al-Rahman III e canonizado posteriormente pola Igrexa católica, como exemplo de virtude da castidade xuvenil fronte á homosexualidade.

O seu día no santoral católico é o 26 de xuño.

Martirio e morte[editar | editar a fonte]

Foi educado en Tui polo seu tío Hermixio, bispo de Tui. O seu martirio, descrito truculentamente no santoral, foi por despedazamento ou desmembramento mediante tenazas de ferro. Trala batalla de Valdejunquera (920), moitos habitantes cristiáns do Reino de León foron levados prisioneiros a Córdoba. Entre eles estaban Paio e seu tío Hermixio. Este foi liberado co fin de que xuntase un rescate, mentres que Paio quedaba en calidade de refén.

Recreación do martirio de San Paio nun gravado de Jan Luyken (1649-1712) publicado no 'Espello dos Mártires' (Ámsterdam, 1685). O texto da imaxe, en neerlandés, di: "Paio, un rapaz de 13 anos, tras moito padecemento por causa da súa firme fe cristiá, sufriu en Córdoba a amputación dos seus brazos e pernas, e finalmente a decapitación. Ano de 925".

Segundo a tradición dise que o califa Abd al-Rahman III, prendado da súa beleza, requiriulle contactos sexuais, ós que se negou, provocando a súa tortura e morte.

A súa haxiografía relata que durante os catro anos que pasou en Córdoba en calidade de refén sen que o rescate fose pagado polo seu tío bispo, o mozo destacou pola súa intelixencia e a súa fe, facendo proselitismo de Cristo, insistindo en que foi esta actividade a que provocou que fose tentado por Abd al-Rahman III para que se convertese ao islam, cousa que rexeitou con vehemencia: Si, o rei, son cristián. Funo e sereino pola graza de Deus. Tódalas túas riquezas non valen nada. Non penses que por cousas tan pasaxeiras vou renegar de Cristo, que é o meu Señor e o teu aínda que non o queiras."[1]

Veneración[editar | editar a fonte]

O martirio na defensa da súa fe xustificou a súa pronta canonización. Deseguida pasou a recibir culto. A partir do século XI, no que os reinos cristiáns intervirían na política interior dos reinos musulmáns de taifas, moitos santos cristiáns foron trasladados ó norte, e o mesmo ocorreu cos seus restos: primeiro á cidade de León, e logo ó mosteiro beneditino de San Pelayo en Oviedo, que leva o seu nome (e que non debe confundirse con Paio de Asturias, primeiro rei de Asturias).

O seu nome ten ampla difusión en topónimos da Galiza toda. San Paio Mártir é santo patrón do Seminario Menor de Tui e de moitas parroquias galegas.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]