Perífrases verbais galegas

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

 Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego

Que é unha perífrase verbal?[editar | editar a fonte]

Unha perífrase verbal é unha forma verbal composta de dous verbos que expresa unha soa idea verbal. As perífrases serven para expresar ideas como a obriga, inminencia, posibilidade etc.

Perífrase: ir + infinitivo[editar | editar a fonte]

A perífrase ir + infinitivo pode expresar:

  • Futuridade: Mañá imos xogar ao fútbol, é dicir, mañá xogaremos ao fútbol
  • Intencionalidade: Se me segues amolando coa música, vou coller a radio e vouna tirar polo balcón
  • Idea de movemento: Ergueuse e foi pechar a porta

Entre o verbo ir e mais o infinitivo non vai nunca a preposición a, aínda que haxa algún elemento intercalado no medio: Vai vir cedo no tren / Foi onte comer cos seus pais. Non debemos poñer a preposición a, pois constitúe un castelanismo.

Perífrase: haber (de) + infinitivo[editar | editar a fonte]

A perífrase haber + (de) + infinitivo aparece con valor de futuridade, fundamentalmente co presente e pretérito imperfecto de indicativo: heiche de contar un conto = contareiche un conto. Con este valor, na lingua actual é máis frecuente o uso das perífrases cás formas simples de conxugación: Non te apures que non o hei dicir = Non te apures que non o direi. A perífrase haber + (de) + infinitivo ten tamén valor obrigatorio: Haslle dar unha boa malleira. Tamén ten un valor de futuridade non inmediata: Has de mirar cando vaias alí de novo.

Co pretérito perfecto de indicativo, a perífrase indica unha acción que estivo a piques de realizarse pero non se realizou: Houbo de esganarse por comer todo apurado.

A perífrase haber + (de) + infinitivo ten tamén valor hipotético: Esa muller ha de andar polos corenta.

Perífrase: ter + que/de + infinitivo[editar | editar a fonte]

A perífrase ter + que + infinitivo expresa obrigatoriedade:

  • Teño que marchar, porque debo abrir ás sete e xa son

A obrigatoriedade que expresa é maior cá doutras perífrases, por exemplo haber + que + infinitivo

  • Hai que calar

Ter + que + infinitivo é unha perífrase que ten un significado de acción pendente de cumprimento obrigatorio. Na fala é moi común esta perífrase, pero na lingua literaria é máis usual ter + de + infinitivo: A primeira ter + que, expresa un deber xeral e a segunda, ter + de, contén un matiz de acción por cumprir obrigatorio

  • Teño que facer a comida antes das dúas
  • Teño de ir a Vigo para ver o mar antes de morrer

Perífrase: dar + participio[editar | editar a fonte]

dar + participio é unha das perífrases máis características do galego. Equivale á perífrase ser capaz de. O seu valor é o de atribuírlle ao suxeito a capacidade para realizar a acción expresada polo verbo auxiliado. É, sobre todo, frecuente en oracións negativas ou interrogativas:

  • Estás a facer tanto e non dás feito
  • Se dan acabado o traballo axiña imos ao cine
  • Se non apuro non vou dar chegado a tempo
  • ¡Non vou dar rematado o traballo se me segues dando a lata!

Perífrase: haber (en pasado) + (de) + infinitivo[editar | editar a fonte]

A perífrase haber (en pasado) + (de) + infinitivo coas formas do pretérito (houben, houbera, houbese) indica unha acción que estivo a piques de realizarse pero non se realizou:

  • Houben caer por causa do raio
  • Houbo de aprobar o exame
  • Houbesen de chegar máis cedo se viñeran no coche
  • Houben mercar a casa se tivera os cartos

Perífrase: poder + infinitivo[editar | editar a fonte]

A perífrase poder + infinitivo constitúe unha perífrase verbal cando presenta a acción cun sentido de probabilidade, de hipótese, é dicir, cando xa non ten o significado primario do verbo poder. Alterna coas outras perífrases hipotéticas deber (de) + infinitivo e haber (de) + infinitivo

  • O traballo pode facerse en 2 días
  • Esta noite podería vir velo
  • Ese coche pode costar uns cinco millóns
  • Quen puidera namorala, meu amigo

Perífrase: estar + xerundio[editar | editar a fonte]

As perífrases estar + xerundio = estar + a + infinitivo son as máis características das perífrases imperfectivas. Ámbalas dúas teñen o mesmo valor, pois o infinitivo pode ter, precedido da preposición a, valor xerundial.

  • Ela sempre está a enredar = Ela sempre está enredando
  • Cando viñeron os meus amigos eu estaba a maquillarme (=estaba maquillándome)
  • Non sei o que estades a facer no faiado (=estades facendo)

Perífrase: andar + xerundio[editar | editar a fonte]

Na perífrase andar + xerundio = andar + a + infinitivo o verbo andar indica un movemento continuado, por iso as construcións con andar presentan un valor de acción imperfecta case reiterativa, moi prolongada no tempo. Andar + xerundio é equivalente a andar + a + infinitivo.

  • Andaba fedellando no coche e non daba reparado a avaría (= andaba a fedellar)
  • Anda a amañar a televisión e non dá feito (= anda amañando)

Perífrase: botar(se) + a + infinitivo[editar | editar a fonte]

A perífrase botar(se) + a + infinitivo indica o comezo dunha acción:

  • Iria botouse a chorar no medio da película.
  • Para volver á costa botaron a funcionar o motor da barca.
  • Carlos botou a correr cando escoitou o estoupido.

Perífrase: estar a/para infinitivo[editar | editar a fonte]

A perífrase estar + a/para + infinitivo indica unha acción a piques de suceder:

  • Está para saír a nova novela de Manolo Rivas
  • Estivera a morrer por culpa dunhas ostras
  • Estivo para casar con aquel langrán
  • Carlos estivo para emigrar pero atopou choio aquí

Véxase tamén[editar | editar a fonte]