Portela do Home

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°48′32″N 8°07′54″O / 41.80888889, -8.13166667

Alfándega na Portela do Home.
Construción na Portela do Home co Escudo de España coa aguia de San Xoán.

Portela do Home (portugués: 'Portela do Homem') é un porto de montaña da serra do Xurés (en portugués Serra do Gerês) que forma parte da Raia, a estrema entre Galicia e Portugal.

Xeografía[editar | editar a fonte]

É o punto máis ao sur da xeografía de Galicia. Do lado portugués fica o concello de Terras de Bouro e do lado galego a parroquia de Río Caldo, do concello de Lobios. É tamén punto límite entre o Parque Natural de Baixa Limia - Serra do Xurés (Galiza) e do Parque Nacional de Peneda-Gerês (Portugal). Sitúase a 822 m de altitude, nunha foz ou ozca que descende para Galiza. Recibe o seu nome do río Home (rio Homem en portugués), que ten unha fervenza a 800 m da portela.

Historia[editar | editar a fonte]

Este paso era xa usado antigamente, e por aquí pasaba a vía romana Vía Nova do Itinerario de Antonino, que ligaba Bracara Augusta con Astorga, e da cal se conservan varios miliarios. Na actualidade comunícase con Lobios a través da estrada OU-312[1]. Este paso de montaña foi atravesado en 1384 pola hoste invasora de Henrique de Trastámara, obrigada a retroceder acosada polos pastores e polos frades guerrilleiros comandados polo abade de Santa María do Bouro. O 6 de xuño de 1828 foi cruzada polas tropas liberais so o comando do futuro marqués de Sá da Bandeira após o fracaso da revolución liberal de 1828.[2]

Como punto fronteirizo entre España e Portugal, houbo unha alfándega aberta até adoptaren os dous estados en 1992 o Acordo de Schengen.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Fronteiras". 
  2. serra-do.-geres.com. "Caldas do Gerês". Arquivado dende o orixinal o 28-01-2012. Consultado o 17-12-2011.