Teníase

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teníase
Clasificación e recursos externos
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Proglote grávida dunha Taenia saginata liberada nas feces.

A teníase é unha enfermidade parasitaria intestinal causada polas formas adultas de cestodos do xénero Taenia (as larvas enquistadas producen outra enfermidade chamada cisticercose). Nos humanos os causantes son as especies Taenia solium (tenia do porco) e a Taenia saginata (tenia da vaca), comunmente coñecidas como tenias ou solitarias, das cales normalmente só se atopa un individuo adulto en cada persoa afectada. As tenias adultas son hermafroditas, e requiren un hóspede intermediario para cumpriren o seu ciclo biolóxico: o porco ou o xabaril, no caso da Taenia solium, e o gando vacún no caso da Taenia saginata.

Epidemioloxía[editar | editar a fonte]

A teníase é unha cestodíase de distribución mundial, principalmente de zonas onde os animais teñen acceso ás feces humanas. A infestación é maior cando prevalece a insalubridade e malos métodos de eliminación de excrementos que contaminan as augas e plantas, os cales, neses casos, son consumidos por porcos e vacas. Afecta tanto a nenos coma a adultos e é máis freceunte en mulleres, e é máis perigosa nas mulleres preñadas e nos nenos. Transmítese pola inxesta de carne crúa ou mal cocida e infectada con cisticercos do parasito que se encontran nos tecidos do hóspede intermediario, e que se desenvolven en tenias adultas no hospedador humano.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

É unha enfermidade cosmopolita que se presenta con maior frecuencia en rexións onde se acostuma a comer carne de porco ou bovino crúa ou mal cocida, con maior incidencia en Latinoamérica, a Península Ibérica, países eslavos, África meridional, Sueste asiático, India, China, Oriente Próximo, Siria, Turquía, Etiopía e Estados Unidos.

Fonte de infestación primaria[editar | editar a fonte]

A teníase é unha antropozoonose cuxa única fonte de infestación primaria é o home doente que libera proglotes e ovos coas súas feces. O adulto inféstase con maior frecuencia debido aos hábitos de alimantación, en particular comer carne crúa ou mal cocida. A falta de educación sanitaria e as condicións socioeconómicas deficientes fan que se produza a excreción contaminante de feces ao medio ambiente. O ciclo de vida do parasito facilítase ademais en ambientes rodeados de pasteiros e auga, onde se alimentan o gando bovino e porcino.[1]

Mecanismo de transmisión[editar | editar a fonte]

Inspección nunha cámara frigorífica.

A vía de eliminación é o ano e o medio de eliminación, as feces. O axente de contaxio é o hóspede intermediario: en Taenia solium o porco, e en Taenia saginata o gando vacún. O porco e o bovino inféstanse ao comer herba e/ou auga contaminada coas feces de persoas infestadas. A cría destes animais en lugares con condicións sanitarias deficientes, así como os matadeiros con escaso control sanitario, facilitan a probabilidade de infestación.

Patoxenia[editar | editar a fonte]

As formas infestantes son os cisticercos do tipo bovis e cellulosae, que corresponden respectivamente a T. saginata e T. solium, e o hóspede susceptible é o humano san.

Ao ser inxerido o cisticerco contido na carne de porco ou vacún contaminada, pola acción dos zumes dixestivos, perde a súa cuberta e libera o escólex, que se fixa á parede intestinal, e a partir del se desenvolve o individuo adulto no intestino da persoa afectada nun período de 50 días ou máis .

Debido ao grande tamaño destes cestodos na fase adulta (de 2 a 10 metros) producen alteracións na función normal do intestino, igual que unha inflamación da mucosa intestinal debida á irritación mecánica producida polo estróbilo ("corpo") e o escólex ("cabeza") do verme, o que ocasiona tamén trastornos nerviosos. Outro dos seus principais mecanismos de dano é o consumo de gran parte dos nutrientes dixeridos polo hóspede, que o parasito absorbe pola pel ao longo de todo o seu corpo (non ten boca), xa que se alimentan osmoticamente, por careceren de tubo dixestivo. Outro efecto é o provocado polos metabolitos do parasito ao seren absorbidos polo hóspede, xa que poden inducir alteracións tóxicas ou alérxicas, producindo algúns síntomas xerais e dixestivos. Igualmente, a acción das toxinas tradúcese en trastornos neurolóxicos.

Cadro clínico[editar | editar a fonte]

O período de incubación é de 2 a 3 meses, e polo xeral non causan grandes alteracións patolóxicas na anatomía do afectado, o cal pode albergar o parasito durante varios anos sen presentar ningún síntoma.

Complicacións[editar | editar a fonte]

As complicacións ocorren na infestación por T. solium, cando, pola ruta fecal-oral a través da inxestión de ovos do parasito esparexidos no ambiente, ou por autoinfestación producida pola rotura de proglotes dos parasitos adultos no intestino, as oncosferas penetran na circulación, dando lugar á formación de cisticercos, que poden aloxarse nos tecidos do hóspede, orixinando unha cisticercose. Este fenómeno non se observa nas infestacións con T. saginata, que non orixina cisticercose en humanos.

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

Ante a presenza de síntomas, o primeiro diagnóstico faise pola observación directa das cadeas de proglotes nas feces, ou adheridas á roupa. É frecuente encontrar proglotes nas feces de persoas que non teñen ningún síntoma ou malestar. En ocasións o diagnóstico é facilitado polo mesmo doente que encontra as proglotes no seu propio bólo fecal.

O diagnóstico específico debe facerse pola observación microscópica de ovos por medio de diagnóstico coproparasitoscópico (CPS), xa sexa polo método Faust (por flotación) ou polo método Ritchie (por sedimentación) ou por frotis groso ou método Kato-Katz. Algúns autores propoñen unha impresión anal con fita adhesiva.[2]

Para poder facer a diferenciación de especies, cómpre realizar un peneirado das feces. Para isto homoxeinízase o contido dunha evacuación sospeitosa con solución fisiolóxica e logo pásase por unha malla porosa fina peneirando así as proglotes. Estes obsérvanse ao miscroscopio facendo doada a diferenciación entre especies, en particular distinguindo as proglotes grávidas.[3]

Tratamento. A infección por T. solium adulta trátase con niclosamida. Se hai neurocisticercose os fármacos utilizados son o praziquantel ou o albendazole.[2]

Prevención[editar | editar a fonte]

As medidas profilácticas para evitar as teniases son:

  • Evitar comer carne crúa ou mal cocida. Para matar ao cisticerco hai que cociñar a carne en cachos pequenos a 65 °C ou ben conxelala a -20 °C mínimo durante 12 horas.
  • Establecer adecuados controis sanitarios nos matadeiros e frigoríficos.
  • Evitar que os animais estean en contacto coas feces das persoas infectadas, coa finalidade de romper o ciclo biolóxico do parasito.
  • Administrar o tratamento específico aos pacientes con teníase para eliminar o parasito e evitar a propagación dos ovos e a autoinfestación.
  • Educación sanitaria e mellora das condicións socioeconómicas das áreas afectadas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. MedlinePlus - Teniasis
  2. 2,0 2,1 Teniasis humana por Taenis solium. Revista Mexicana de Patología Clínica. [1]
  3. "UNIVERSIDAD NACIONAL AUTÓNOMA DE MÉXICO - Escuela de Medicina" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de outubro de 2007. Consultado o 28 de xullo de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Tay, J. (2005). Parasitología y microbiología médica. México D.F. Mendez editores
  • Brown, H. W. (1977). Parasitología clínica. (pp. 171–178). México D.F. Interamericana
  • Brow, H. W. & Neva. F. A. (1994). Basic clinical parasitology