Tratado de Zamora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Tratado de Zamora foi un diploma resultante da conferencia de paz entre Afonso Henriques e seu curmán, Afonso VII de León e Castela. Celebrado en Zamora o 5 de outubro de 1143, esta é considerada como a data da independencia de Portugal e o inicio da dinastía afonsina.

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Vitorioso na batalla de Ourique en 1139, Afonso Henriques beneficiouse da acción desenvolvida, en favor da constitución do novo Reino de Portugal, polo arcebispo de Braga, João Peculiar. Este procurara conciliar os dous reis e fixo que se encontrasen en Zamora nos días 4 e 5 de outubro de 1143 na presenza do cardeal Guido de Vico.

Polos termos do tratado, Afonso VII concordou que o Condado Portucalense pasase a ser Reino, tendo a Afonso Henriques como o seu rex (rei). Malia recoñecer a independencia, Afonso Henriques continuaba a ser vasalo, pois Afonso VII, amais de ser rei de León e Castela, era Emperador de toda Hispania. Con todo nunca Afonso Henriques prestou vasalaxe ao Emperador, sendo caso único de entre todos os reis existentes na Península Ibérica.

A soberanía portuguesa, recoñecida por Afonso VII en Zamora, só veu ser confirmada polo papa Alexandre III en 1179, mais o título de rex, que Afonso Henriques usaba desde 1140, foi confirmado en Zamora, comprometéndose entón o monarca portugués, ante o cardeal, a considerarse vasalo da Santa Sé, obrigándose, por si e polos seus descendentes, ao pagamento dun censo anual.

En Zamora revogouse o anterior tratado de Tui datado en 1137.

A partir de 1143 D. Afonso Henriques vai enviar ao Papa remisorias declarándose seu vasalo lixio e comprometéndose a enviar anualmente unha determinada contía en ouro. As negociacións van durar varios anos, de 1143 a 1179. En 1179 Alexandre III envía a Afonso Henriques a Bula Manifestis probatum, na que o Papa acepta que Afonso Henriques lle preste vasalaxe directa, recoñécese definitivamente a independencia do Reino de Portugal sen vasalaxe en relación a Afonso VII de León e Castela (pois ningún vasalo podía ter dous señores directos) e Afonso Henriques como primeiro rei de Portugal, ou sexa, Afonso I de Portugal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]