Wikipedia:Artigo destacado/decembro 2019

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A real colexiata basílica de Santo Isidoro ou, simplemente, Santo Isidoro de León, é un templo cristián situado na cidade de León, en España. É un dos conxuntos arquitectónicos de estilo románico máis destacados de España, pola súa historia, arquitectura, escultura, e polos obxectos suntuarios románicos que se puideron conservar. Presenta a particularidade de ter un Panteón Real situado ós pés da igrexa, con pintura mural románica e capiteis orixinais, todo o cal fai que sexa peza única do mundo románico da época. O conxunto foi construído e engrandecido durante os séculos XI e XII.

Na súa orixe foi un mosteiro dedicado a san Paio, aínda que se supón que anteriormente se asentaba nos seus cimentos un templo romano. Co traslado dos restos de santo Isidoro, bispo de Sevilla (doutor das Españas), a León, cambiouse a titularidade do templo.

O edificio da igrexa conserva algúns vestixios románicos da primeira construción de Fernando I e Sancha. O panteón e as dúas portas da súa fachada sur, chamadas Porta do Cordeiro e Porta do Perdón, máis a Porta Norte ou Capitular, son as primeiras manifestacións da arte románica nos territorios leoneses. Co transcurso do tempo fixéronse modificacións e engadidos góticos, renacentistas e barrocos.

É Monumento Histórico Artístico desde o 9 de febreiro de 1910.