Wikipedia:Artigo destacado/febreiro 2007

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Segunda República Española
Segunda República Española

A Segunda República Española é o réxime político polo que se rexeu España no período que vai dende o 14 de abril de 1931, data de proclamación da mesma, até o 1 de abril de 1939, data da vitoria definitiva do bando autoproclamado nacional (é dicir, o dos alzados contra a República o día 18 de xullo de 1936, chamados así en oposición ós leais a ela, que eran coñecidos como republicanos).

Proclamación[editar a fonte]

Trala dimisión do ditador Miguel Primo de Rivera, o rei Afonso XIII intentou devolver ó debilitado réxime monárquico a lexitimidade popular. Para iso, o goberno presidido polo almirante Juan Bautista Aznar convocou unha rolda de eleccións escalonada, comezando polas municipais para seguir coas xerais. Tendo en conta as circunstancias, as eleccións municipais adquiriron un carácter de plebiscito en prol ou en contra da monarquía.

O 12 de abril de 1931 celebrouse a segunda rolda das eleccións municipais. Aínda que cuantitativamente saldáronse coa vitoria monárquica nas urnas (22.150 concelleiros monárquicos fronte a 5.574 republicanos), cualitativamente o impulso republicano quedou de manifesto ó trunfar nas grandes cidades (41 das 50 capitais de provincia), é dicir, os núcleos menos vulnerables á influencia do caciquismo e á perversión do sistema electoral de 1907, que impedía a celebración de eleccións cando non houbera listas enfrontadas. Así o entendeu a elite monárquica e o propio Rei, que constataron a falta de apoio popular á orde estabelecida, renunciaron ó emprego da forza e abriron paso á proclamación da República.