Wikipedia:Artigo destacado/febreiro 2016

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Revolución de Febreiro (en ruso: Февральская революция, fevralskaia revoliutsiia) de 1917 no Imperio Ruso marcou a primeira etapa da Revolución rusa de 1917. Causou a abdicación do tsar Nicolao II, puxo fin á monarquía rusa e levou á formación dun Goberno provisional. Esta revolución naceu como reacción á política realizada polo tsar, a súa negación a outorgar reformas políticas liberais e contra a participación de Rusia na Primeira Guerra Mundial, que inflixira grandes penurias á poboación. O réxime nacente resultou dunha alianza entre liberais e socialistas que debía dar paso a un executivo elixido democraticamente e unha asemblea constituínte. As protestas comezaron o Día Internacional da Muller por mor das privacións e pronto se estenderon entre os obreiros da capital. A pasividade de parte das forzas de seguridade da urbe, especialmente dos destacamentos de cosacos e dos rexementos da guarnición da cidade, facilitaron a súa expansión.