Wikipedia:Artigo destacado/marzo 2010

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Haumea, designado provisionalmente coma (136108) Haumea, é un planeta anano do cinto de Kuiper. A súa masa estimada é dun terzo da masa de Plutón. Foi descuberto no 2004 polo equipo liderado por Mike Brown do Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) no Observatorio de Palomar nos Estados Unidos e, no 2005, por un equipo encabezado por José Luis Ortiz Moreno no Observatorio de Sierra Nevada en España, aínda que este reclamo foi posto en dúbida por Brown. O 17 de setembro do 2008, foi aceptado coma planeta anano pola Unión Astronómica Internacional (UAI) e designou o obxecto co nome de Haumea, a deusa hawaiana da fertilidade.
Parece ser moi alargado, o que o fai único entre os obxectos transneptunianos (TNOs). Aínda que a súa forma non puido ser directamente observada, cálculos da súa curva de luz indican que é elipsoidal, co eixo maior dúas veces máis grande có seu eixo menor. Porén, a súa gravidade é o suficientemente grande para deixalo en equilibrio hidrostático, o que o fai entrar na definición de planeta anano. A súa forma elipsoidal, coa súa inusualmente rápida rotación, alta densidade, e gran albedo (provinte dunha superficie cristalina de xeo), dan a teoría resultante de que Haumea é o resultado dunha gran colisión.