Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2012

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O RMS Titanic (en inglés: Royal Mail Steamship Titanic) foi un transatlántico construído en Irlanda, que se afundiu na súa viaxe inaugural a través do Océano Atlántico Norte ao colisionar cun iceberg na noite do 14 ao 15 de abril de 1912 na viaxe a Nova York. Morreron máis de 1500 persoas e recolléronse soamente uns 300 corpos do mar. Considérase popularmente a maior traxedia naval dun só buque da historia, aínda que outros afundimentos producisen máis vítimas, coma os do Steuben (4500) ou o Wilhelm Gustloff (7000).

O Titanic era o segundo dun trío de transatlánticos, a clase Olympic, que pretendía dominar o negocio das viaxes transoceánicas a principios do século XX.

O RMS Olympic foi botado ao mar no 1910 e entrou en servizo no 1911, o Titanic foi botado no 1911 e entrou en servizo no 1912, e o HMHS Britannic (orixinalmente RMS Gigantic) foi botado no 1914 e entrou en servizo no 1915, aínda que o estalido da Gran Guerra fixo que nunca prestase servizo comercial, sendo destinado a buque hospital.

Foron deseñados por Thomas Andrews e eran propiedade da White Star Line, foron construídos nos estaleiros de Harland and Wolff en Belfast (Irlanda do Norte, Reino Unido), a clase Olympic destacaba polo seu tamaño, luxo e avances técnicos fronte aos Transatlánticos da competencia, o RMS Mauretania e o RMS Lusitania, da Cunard Line. O Titanic foi o barco de pasaxeiros máis grande e luxoso da época xunto co Olympic.