Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2017

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Miña terra galega é unha canción do grupo galego Siniestro Total, gravada e publicada en 1984. É unha versión da canción «Sweet Home Alabama» do grupo estadounidense Lynyrd Skynyrd, un dos favoritos dos membros de Siniestro Total. A letra, principalmente en lingua castelá agás o verso que lle dá nome, foi composta por Julián Hernández, por aquel entón batería do grupo. Como o resto dos temas de Menos mal que nos queda Portugal, a canción gravouse nos estudos Trak de Madrid, con Paco Trinidad como produtor, en setembro de 1984. Os arranxos foron do propio Hernández e do resto de compoñentes do grupo, Miguel Costas (guitarra e voz) e Alberto Torrado (baixo). «Miña terra galega» é un dos temas máis coñecidos do grupo e, segundo Julián Hernández, unha das cancións de Siniestro Total con máis repercusión, cualificada en diversas ocasións na prensa coma un himno.