Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O santuario de Santo André de Teixido é unha capela situada na parroquia de Teixido, no leste do concello de Cedeira. É un famoso lugar de peregrinación, e segundo o dito popular "vai de morto quen non foi de vivo". A romaría principal ten lugar o 8 de setembro, aínda que ao longo do ano celébranse outras menos concorridas, como a do 30 de novembro, máis litúrxica. Cargado de forte significación antropolóxica; dende o punto de vista artístico, o máis notable é o retablo barroco.

Considérase que a peregrinación a este lugar ven xa dende a Idade de Ferro, porén o primeiro rexistro do que hai constancia é do ano 1391. Tamén foi citada polo Padre Sarmiento no seu libro Viaje a Galicia (1754-1755), despois de tela visitado. Ó longo de todos estes séculos varias tradicións forxáronse ó redor deste culto, e forman parte xa da súa lenda.