Xardín de San Carlos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°22′07″N 8°23′25″O / 43.3686111111, -8.39027777778

Muralla do Xardín de San Carlos.

O coñecido como Xardín de San Carlos, situado na cidade vella da Coruña, foi construído coma castelo defensivo fóra das murallas no século XIV e quedaría unido á cidade no XVI. Foi declarado xardín histórico o 9 de novembro de 1944.[1]

O seu valor radica na súa privilexiada situación dende a que se observa, grazas ao seu miradoiro, todo o porto da Coruña, na súa vexetación, e na tumba, un sepulcro proxectado coma monumento funerario, do xeneral inglés Sir John Moore, morto na Batalla de Elviña en 1809 loitando mentres defendía a cidade das tropas napoleónicas francesas do xeneral Soult.

Historia[editar | editar a fonte]

O baluarte coñecido como "fortaleza de San Carlos" ou "Fortaleza vella" fora construído arredor do século XIII, mais fora perdendo importancia. Cando o 3 de abril de 1658 estoupou a polvoreira que contiña causando arredor de 200 mortos,[2] foi abandonado até que xa no século XVIII é recuperado como xardín por Carlos Francisco de Croix. O 16 de xaneiro de 1809 faleceu na batalla de Elviña o xeneral John Moore, e foi enterrado no xardín.[3]

O aspecto actual do Xardín de San Carlos débese ao gobernador en 1834 Francisco de Mazarredo, e presenta unhas características de xardín romántico. Foi declarado Conxunto Histórico-Artístico xunto coas murallas.

O edificio situado a carón dos xardíns é a sede do Arquivo do Reino de Galicia, o máis importante arquivo histórico de Galiza. É un centro de titularidade estatal xestionado dende 1989 pola Xunta de Galicia.

En 2022 renováronse os xardíns, recuperando o trazado orixinal.[4]

Características[editar | editar a fonte]

Na entrada hai dúas placas, unha co escudo do marqués de Croix e outra, bastante borrada, en que se le:[5]

Pulchrum ne opus? Pulchrum ¡magna arsm! nulla mirere, quibus cuncta pravé , en probe factum opus:  Genere compedibus, ad moenia saxo levaré, prodigium legis, preconiumque Croix

Numerosas especies de árbores tanto autóctonas coma exóticas están presentes no xardín, das que destacan dous xigantescos umeiros centenarios.

Lápida coa proclama que Lord Wellington dirixiu ao seu exército trala Batalla de San Marcial.

Tamén hai placas en homenaxe aos 172 oficiais e homes da Armada Real Inglesa que morreron no naufraxio do buque "Serpent" preto do Cabo Vilán o 10 de novembro de 1890.

O xeneral inglés Lord Wellington dirixiu unha proclama ao exército no Cuartel Xeral de Lesaca o 4 de setembro de 1813 trala Batalla de San Marcial do 31 de agosto dese mesmo ano, recordada no Xardín de San Carlos, na que enxalzaba ao exército que el mesmo mandaba. Dicía Wellington:

Españois: adicádevos todos a imitar aos inimitables galegos.

O Concello, a proposta do entón alcalde Manuel Casás, acordou colocar o 14 de xullo de 1927 unhas lápidas que recollen un fragmento en inglés do poema "The burial of Sir John Moore" de Charles Wolfe e outro fragmento do que Rosalía de Castro dedica a Sir John Moore, titulado "Na tumba do Xeneral Sir John Moore":

Tumba de Sir John Moore no Xardín de San Carlos.
¡Cuan lonxe, canto das escuras nebras
dos verdes pinos, das ferventes olas
qu'o nacer viron!..; dos paternos lares
do ceo da patria, qu'o alumou mimosa
dos sitios ¡ay! do seu querer: que lexos
víu á caer baix'enemigo golpe
pra nunca mais se levantar, coitado!
..................................................
Mais que fermosa e sin igual morada
lle coup'en sorte ós teus mortales restos...
c'o seu respeto compasiva vela
pol-o estranxeiro á quen traidora morte
fixo fincar lonxe dos seus, e á alleos
víu á pedir o derradeiro asilo.
..................................................
Cando do mar atraveses as ondas
y o voso irman a visitar veñades
poñé na tomba o cariñoso oído
e se sentís rebuligar as cinzas
e s'escoitás indefinibres voces
e s'entendés o que esas voces digan
a y-alma vosa sentirá consolo
El vos dirá qu'arrededor do mundo
tomba millor qu'aquí atopou n'achara
senon dos seus antr'o amoroso abrigo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]