Xenebreiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O xenebreiro ou cimbro (Juniperus communis L.) é unha árbore ou arbusto dioico da familia das cupresáceas.

Características[editar | editar a fonte]

Ilustración de Juniperus communis.

Dependendo da subespecie ten un porte moi variable, desde un arbusto mediano até superar os 10 metros.

Ten un tronco con moitas pólas e copa espesa. As follas son lineais, verdes, ríxidas, punzantes, cunha única banda de estomas branca na cara exterior (polo envés e polas marxes é verde) e insírense verticiladas de tres en tres. As flores femininas dispóñense en conos axilares, en forma de escama, de cor parda vermella. As flores masculinas, de cor amarela, teñen entre 2 e 3 mm de longo e caen pouco despois de esparexer o pole entre marzo e abril.

Por froitos ten gálbulos con forma de bagas elipsoidais ou esféricas de cinco a sete milímetros de diámetro, de cor negra purpúrea cando están maduras e cunha lene cor azulada como consecuencia dunha substancia cerosa, con tres sementes case ovaladas, pero angulosas nos seus extremos. A madeira, que tamén se coñece simplemente polo nome da planta, xenebreiro, é avermellada, forte e recendente.

Subespecies[editar | editar a fonte]

  • Juniperus communis subsp. communis. Normalmente un arbusto ou pequena árbore, cun porte estreito e piramidal. Os verticilos están separados por entrenós xeralmente de maior tamaño cás follas. Atópase en lugares temperados, a baixa ou media altitude, moitas veces en bosques doutras especies, sobre todo caducifolias. É a subespecie de Juniperus communis máis espallada por Europa.
  • Juniperus communis subsp. alpina (Suter) Čelak (=Juniperus communis subsp. nana Syme, Juniperus alpina Gray, Juniperus sibirica Burgsd.). Chamada xenebreiro rastreiro, é un arbusto rastreiro que non chega a un metro e cuxas pólas fican a rente do chan. As follas miden de 5 a 15 mm, están curvadas cara ó ápice e reviradas cara a dentro agochando a cara. Os entrenós adoitan ser máis pequenos cás follas. Os gálbulos miden de 6 a 10 mm. É unha planta de zonas alpinas e subalpinas en climas temperados atopada tamén en áreas subárticas. En Galiza áchase nas maiores alturas (os Ancares, Pena Trevinca).
  • Juniperus communis subsp. hemisphaerica (J.Presl & C.Presl) Nyman (=Juniperus depressa Steven) é un arbusto de 3 ou 4 metros, aínda que tamén pode ter un porte deitado.

Usos[editar | editar a fonte]

O xenebreiro é frecuentemente utilizado na horticultura como planta ornamental, xa que é demasiado pequeno para ser aproveitado como madeireiro. Porén, en Escandinavia a súa madeira emprégase na fabricación de caixas para produtos lácteos, como a manteiga, o queixo e tamén para facer cabos de coitelos.

As súas bagas teñen propiedades adstrinxentes mais son demasiado agres para consumilas crúas, polo que se venden secas para preparar mollos e recheos cos que adubar carnes. Adóitanse cascar antes de utilizalas para así liberar o aroma.

Tamén é frecuente usalas para aromatizar a xenebra. De feito, a denominación da propia árbore en francés, genévrier, foi a que deu lugar ó nome máis coñecido internacionalmente da bebida, gin, a través dun apócope da palabra francesa pero pronunciada á inglesa (o nome inglés da planta é juniper, que en ningún modo soaría "gin").

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]