Xesús Rodríguez López

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xesús Rodríguez López
Nacemento28 de xullo de 1859
Lugar de nacementoLugo
Falecemento24 de marzo de 1917
Lugar de falecementoLugo
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónmédico, folclorista, xadrecista, escritor e autor
Na rede
Bitraga: 1763 Dialnet: 1742550
editar datos en Wikidata ]

Xesús Rodríguez López, nado en Lugo o 28 de xullo de 1859 e finado o 24 de marzo de 1917, foi un médico e escritor en galego e castelán. Foi escritor de temas variados, pois ademais de obra literaria estrita —novela, teatro e poesía—, acometeu tamén o ensaio.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Rodríguez López, de nome oficial Jesús, naceu no seo dunha familia procedente de San Mamede de Lousada, en Guntín. En 1874 obtivo o título de bacharel, e a continuación trasladouse para Santiago de Compostela, onde realizou estudos de Medicina, que acabou en 1881. Volveu entón para Lugo, exercendo alí a profesión até o seu pasamento o 24 de marzo de 1917.[1] Colaborou prolificamente na prensa galega e de ultramar[2]

Concelleiro municipal[editar | editar a fonte]

Rodríguez López participou no goberno municipal como concelleiro polo Partido Liberal. Desa segunda actividade parece que naceu o alcuño "Gambetta", co que era coñecido entre os seus veciños pola semellanza física co político francés. Polo demais participaba na vida diaria lucense frecuentando o Círculo das Artes, o Orfeón Galego e a "Juventud Antoniana"[3]. Era católico practicante, o que valerá para encadrar mellor o incidente xurdido a raíz da publicación de Supersticiones de Galicia.

Xadrecista relevante[editar | editar a fonte]

Faceta menos divulgada é a súa condición de excelente xogador de xadrez, até chegar a figurar como campión de Galicia.[4].

Liorta coa Igrexa[editar | editar a fonte]

En 1895 tivo un choque coa Igrexa católica a raíz da publicación de Supersticiones de Galicia. Rodríguez López presentou a obra a un concurso literario-musical convocado en Monforte de Lemos polos escolapios. Aínda que o traballo non foi admitido por un xurado mediatizado polo bispado, que debía velar pola ortodoxia das obras que se presentasen ao certame[5], o médico lucense fíxoo publicar no verán dese mesmo ano. O bispado lucense prohibiu a obra aos tres meses de vir a lume, en outubro, mesmo a pesar de contar co informe favorábel do cóengo Antolín López Peláez[6], home de gran peso intelectual nos medios católicos que había de chegar a arcebispo. Porén, Rodríguez López non se acañou e conseguiu unha entrevista co bispo, Benito Murúa, por quen ficou convencido de que os ritos católicos non constituían supersticións. Logrou así obter a autorización eclesial para unha segunda edición, á vez que o médico reformaba as súas informacións sobre a calidade supersticiosa de certas prácticas relixiosas[7].

Membro da RAG[editar | editar a fonte]

Nos avatares da creación da Real Academia Galega, Xesús Rodríguez López foi elixido como un dos dous representantes por Lugo (o outro era Indalecio Varela Lenzano) para formar parte da comisión organizativa, que presidía Murguía, e que redactou os estatutos en 1904. O médico lucense foi un dos corenta académicos numerarios fundadores da institución[8], da que foi membro ata a súa morte. Nos anos seguintes seguiría a colaborar activamente, viaxando á Coruña en compaña dos restantes membros lucenses, como Manuel Amor Meilán, Aureliano J. Pereira ou Xoán Montes Capón[9]. Este, compositor, puxo música a un poema de Rodríguez López ("Ai, Maruxiña, por Dios dáme un bico").

Obra[editar | editar a fonte]

Artigo de Rodríguez: "A Rosalía Castro de Murguía", Revista Gallega 27 (16.07.1899).

Da súa obra permanece inédita a comedia El zorro [Cómpre referencia].

En galego[editar | editar a fonte]

En castelán[editar | editar a fonte]

Publicou nesta lingua algunha obra profesional de tipo divulgativo e ensaios:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Esta biografía de urxencia pode verse en diversos lugares, p.ex., R. Carballo Calero, Historia da Literatura Galega Contemporánea. Vigo. Galaxia. 1975, páx. 441, ou na da Biblioteca Virtual Galega
  2. Cfr. Modesto Hermida, Narrativa galega: tempo do Rexurdimento. Vigo. Xerais de Galicia. 1995, en especial páxs. 87-89, que cita traballos de X.R.L. en Galicia; Revista Gallega; El Eco de Galicia, El Regional, Galicia Moderna, A Monteira e As Burgas
  3. Para estes detalles, cfr. a introdución de Florentino Uriarte para "A cruz de salgueiro". Vigo. Ed. Xerais. 1994, páxs. 11 e 12
  4. Florentino Uriarte indica que foi campión de Galicia, ibídem, páx. 12, sen indicar fonte; esta podería remitir a José Paluzíe y Lucena, Primer libro del ajedrecista. Barcelona. Hijos de Paluzíe, S. en C., Editores. 1921 (por unha advertencia preliminar infírese que houbo unha edición anterior en 1917), quen na páx. 203, indicando xadrecistas salientes de España di, sen engadir máis: "Jesús Rodríguez López, de Lugo, campeón de Galicia", e só cita outro xogador galego, o coruñés Pedro Morodo. Prudentemente, o artigo Xadrez da Gran Enciclopedia Gallega, que lembra a ambos, evita citalo como campión galego, porque formalmente non os houbo até anos máis tarde, o que non empece que o lugués gañase algún certame galego relevante, que o levase a ser proclamado campión oficioso; de feito Paluzíe cita casos semellantes noutras cidades. Nalgún lado ficará memoria...
  5. Cfr. X. Rodríguez López, Prólogo á 2ª edición de Supersticiones de Galicia, 1910
  6. Xesús Alonso Montero, Unas palabras sobre el escritor Jesús Rodríguez López (1859-1917), prólogo á 5ª edición de "Supersticiones de Galicia"
  7. X. Rodríguez López, ibídem
  8. R. Carballo Calero, op.cit., páx. 138
  9. F. Uriarte, op. cit., páx. 12

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]