XEAL
XEAL | |
---|---|
Fundación | 1900 (Sociedad Hidroeléctrica del Pindo) |
Matriz | Energo-Pro, a.s. |
Localización | Edificio Cuzco IV, Madrid |
Persoas clave | Juan Miguel Villar Mir |
Industria | Metalurxia e xeración de electricidade |
Produtos | Aliaxes |
Número de empregados | máis de 250 |
Na rede | |
xeal.es ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U. (máis coñecida polo acrónimo "XEAL", estilizado como "xeal") é unha empresa galega con sede en Madrid pertencente ao grupo checo Energo-Pro, a.s. que xestiona e explota dúas plantas de produción de ferroaliaxes, situadas nos concellos de Cee e Dumbría, ademais de dez centrais hidroeléctricas situadas na cunca dos ríos Xallas e Grande.[1][2]
Historia
[editar | editar a fonte]O 4 de maio do 1900 outorgouse a Sociedad Hidroeléctrica del Pindo a concesión para o aproveitamento das augas do río Xallas para a produción de enerxía eléctrica, necesaria para a posta en marcha da fábrica de Brens-Cee, que comezou a súa construción no 1903 entrando en funcionamento o primeiro forno de carburo cálcico no 1904 e o conxunto da fábrica no 1906.
A primeira central, ademais de producir enerxía eléctrica para a fábrica, proporcionaba electricidade a Cee, Corcubión, Noia, Muros e Fisterra; sendo a primeira unha das primeiras vilas galegas, á marxe das cidades, en contar cun sistema de alumeado público.
O alcalde de Cee, Juan Cereijo Fernández, adxudicou o 18 de outubro do 1905 a autorización para tender unha rede de baixa tensión no núcleo urbano, chegando a luz ás rúas de Cee o 1 de abril de 1906 da man de Electra Cereijo, empresa da que era dono.[3]
No 1922 comeou a produción de ferromanganeso iniciando o período de fabricación de ferroaliaxes. Engadiuse no 1925 a produción de ferrosilicio e no 1931 de silicomanganeso.[1] A fábrica de Dumbría iniciou a súa actividade no ano 1977.
No 1992 o Grupo Ferroatlántica adquiriu de Carburos Metálicos as centrais hidroeléctricas e as fábricas de Cee e Dumbría. Xa no 2015 FerroAtlántica fusionouse con Globe Specialty Metals e a compañía pasou a formar parte do grupo resultante Ferroglobe.
No 2019, Kehlen Industries Management, S.L.U., sociedade controlada integramente por Sixth Street Partners e xestionada por Ithaka, comprou Ferroatlántica e cambiou a súa imaxe e nome a Xallas Electricidad y Aleaciones, S.A.U. (Xeal) en febreiro do 2020. Dende outubro do 2023 é propiedade de Energo-Pro, a.s.
Xeración hidroeléctrica
[editar | editar a fonte]A empresa conta con dez centrais de produción hidráulica, o Instituto Enerxético de Galicia inclúe sete delas na denominación "centrais minihidráulicas" e outras tres na de "centrais hidráulicas".[4] En total suman 167,3 megawatts de potencia instalada.[5]
Tipo de central | Nome da central | Potencia neta (kW) |
Data de posta en marcha |
Río | Concello(s) |
---|---|---|---|---|---|
Minihidráulica | Novo Pindo | 9751 | 2004 | Xallas | Dumbría |
Minihidráulica | Ponte Olveira II | 6300 | 2022 | Xallas | Dumbría, Mazaricos |
Minihidráulica | Fervenza II | 6300 | 2022 | Xallas | Dumbría, Mazaricos |
Minihidráulica | Novo Castrelo | 6072 | 2022 | Xallas | Dumbría, Mazaricos |
Minihidráulica | Carantoña | 5000 | 1966 | Grande do Porto | Vimianzo |
Minihidráulica | Fervenza I | 3600 | 1958 | Xallas | Dumbría |
Minihidráulica | Ponte Olveira I | 2700 | 1969 | Xallas | Mazaricos |
Hidráulica | Santa Uxía I | 49072 | 1990 | Xallas | Dumbría |
Hidráulica | Santa Uxía II | 49072 | 1990 | Xallas | Dumbría |
Hidráulica | Castrelo (Ézaro) | 28700 | 1957 | Xallas | Dumbría |
Para regular os caudais de ámbolos dous ríos, Xeal xestiona dúas presas e tres encalcos. No río Grande do Porto o encalco ou encoro da Furaqueira permite o aproveitamento hidroeléctrico de tipo fluínte pola central de Carantoña, cunha superficie de cunca de 226,9 km².
No Xallas a regulación do río recae esencialmente nos encoros da Fervenza e de Santa Uxía, usando os dous encalcos da Ponte Olveira e de Castrelo como almacenamento de auga para servir ás centrais homónimas. A diferenza da central de Carantoña, as centrais do río Xallas explotan unha serie de aproveitamentos hidroeléctricos en cascada nos últimos 16 km do leito, antes da desembocadura no mar na Fervenza do Ézaro.[8]
Río | Nome do encoro | Superficie de cunca (km²) |
Superficie de cunca acumulada (km²) |
---|---|---|---|
Grande do Porto | Furaqueira | 226,9 | 226,9 |
Xallas | Fervenza | 320,5 | 320,5 |
Xallas | Ponte Olveira | 107,0 | 427,5 |
Xallas | Castrelo | 13,6 | 441,1 |
Xallas | Santa Uxía | 57,9 | 499,0 |
Polémica
[editar | editar a fonte]No ano 2016 o Grupo Villar Mir, dono de Ferroglobe, manifestou a súa intención de vender as centrais hidroeléctricas, separando a actividade industrial e a enerxética, que permanecían vinculadas por motivos de "interese público". Nese contexto naceu o movemento veciñal "As nosas centrais non se venden", impulsado polo Comité de Empresa de Ferroatlántica Cee Dumbría CCHH e vinculado á CIG, principal sindicato con representación no comité trala renuncia dos delegados de CCOO e UXT polo acordo firmado xunto ca USO e o Sindicato Unitario en abril do 2017.[9]
Leváronse a cabo diversas manifestacións e concentracións, tanto nas localidades afectadas coma en Santiago de Compostela, apoiadas por diversos sindicatos e partidos políticos, ademais do comité de empresa. Na primeira concentración na Praza 8 de marzo de Cee asistiron concelleiros de tódolos partidos políticos con representación.[10]
No ano 2019 o Grupo Villar Mir vendeu FerroAtlántica ao fondo TPG Sixth Street Partners por 170 millóns de euros, incluíndo tanto as centrais como as fábricas de Cee e Dumbría na venda. Este movemento foi entendido por algúns traballadores como unha segregación encuberta das actividades, xa que o acordo establece que FerroAtlántica seguirá vinculada a Ferroglobe na actividade metalúrxica.[11]
Aínda que finalmente Villar Mir conseguiu separar a actividade hidroeléctrica da industrial, "As nosas centrais non se venden" mantivo as mobilizacións; contra o peche dos fornos, o cesamento da actividade industrial, o incumprimento dos convenios e os EREs; e a prol da creación dun plan de viabilidade.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Historia - Xeal" (en castelán). Consultado o 27/05/2025.
- ↑ "XEAL - Xallas Electricidad y Aleaciones" (en castelán). Consultado o 27/05/2025.
- ↑ Castiñeira Castro, Víctor Manuel (14/02/2017). "La llegada de la electricidad". La Voz de Galicia (en castelán) (Carballo ed.). Consultado o 27/05/2025.
- ↑ "Listaxe de centrais". Consultado o 27/05/2025.
- ↑ "Nuestra empresa - XEAL" (en castelán). Consultado o 27/05/2025.
- ↑ "Centrais minihidráulicas 05/2025" (PDF). Consultado o 27/05/2025.
- ↑ "Centrais grande hidraúlica 05/2025" (PDF). Consultado o 27/05/2025.
- ↑ 8,0 8,1 "Qué hacemos - XEAL" (en castelán). Consultado o 27/05/2025.
- ↑ "Os delegados de CCOO e UXT no comité de Ferroatlántica de Cee-Dumbría deixan estes sindicatos". Nós Diario. 10/04/2017. Consultado o 27/05/2025.
- ↑ "A Costa da Morte, e as nosas centrais, non se venden". Que pasa na Costa. 12/11/2016. Consultado o 27/05/2025.
- ↑ "Villar Mir vende FerroAtlántica al fondo TPG por 170 millones" (en castelán). 04/06/2019. Consultado o 27/05/2025.
- ↑ "As Nosas Centrais Non Se Venden". Consultado o 27/05/2025.