James Cook

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

James Cook
Nacemento27 de outubro de 1728, 1728 e 7 de novembro de 1728
Lugar de nacementoMarton
Falecemento14 de febreiro de 1779 e 1779
Lugar de falecementoKealakekua Bay
Causaferida de arma branca
NacionalidadeReino de Gran Bretaña
EtniaPobo inglés
Ocupaciónexplorador, cartógrafo, oficial da armada, navegante e botánico
NaiGrace Pace
CónxuxeElizabeth Cook
FillosJames, Nathaniel, Elizabeth, Joseph, George e Hugh
Premiosmembro da Royal Society e Medalla Copley
Na rede
WikiTree: Cook-4419 Find a Grave: 10951 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

James Cook, nado o 27 de outubro de 1728 en Middlesbrough (Inglaterra) e finado o 14 de febreiro de 1779 en Hawai, foi un explorador, navegante e cartógrafo británico. Cook fixo mapas detallados das costas de Terra Nova antes de facer tres viaxes ao océano Pacífico, nos que logrou explorar as principais illas desta rexión. Entre outros, foi o primeiro europeo en explorar a costa oriental de Australia e as illas Hawai e fixo a primeira circunnavegación de Nova Zelandia.[1][2]

James Cook entrou na mariña mercante británica cando era adolescente e en 1755 alistouse na Royal Navy (Armada Real británica) onde alcanzaria o rango de capitán.[3] Participou na guerra dos Sete Anos, e posteriormente estudou e mapeou gran parte da entrada do río San Lourenzo durante o asedio do Quebec. Isto permitiu que o xeneral Wolfe puidese executar con éxito o seu ataque ás Chairas de Abraham, este feito fixo prestar a atención do Almirantado Británico e a Real Sociedade cara a Cook. Este feito produciuse nun momento crucial, tanto na súa carreira persoal como na dirección da exploración británica de ultramar. Deste xeito, en 1766 partiu como comandante do HMB Endeavour para o primeiro dos seus tres viaxes polo océano Pacífico.

Cook cartografou moitas áreas e rexistrou varias illas e zonas costeiras nos mapas europeos por primeira vez. Os seus resultados poden ser asignados a unha combinación de navegación, superior levantamento cartográfico e competencias, o valor en explorar lugares perigosos para confirmar os feitos (por exemplo, a inmersión no Círculo polar antártico repetidamente e explorar arredor da Gran Barreira de Coral), unha capacidade de dirixir os homes en condicións adversas, e ousadía, tanto en relación á medida da súa explotación e a súa vontade de superar as instrucións dadas a el polo Almirantado.[3]

Un feito de suma importancia na primeira viaxe foi que ningún home da súa tripulación morreu de escorbuto, afección que había decimado moitas expedicións marítimas anteriores. Isto debeuse a unha especial preocupación de Cook para mellorar as condicións de hixiene e a dieta dos seus subordinados durante a viaxe, no que incluíu os cítricos como preventivos da enfermidade, segundo un descubrimento do médico inglés James Lind.[4]

Abriu o camiño das exploracións científicas e antropolóxicas, e das grandes viaxes de navegación.

Foi asasinado en Hawai nun combate contra hawaianos, na súa terceira viaxe exploratoria polo Pacífico.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cook naceu en Marton, Yorkshire, preto da cidade de Middlesbrough, pero sendo pícaro mudouse xunto coa familia a Great Ayton. Dende moi novo desenvolveu unha fascinación polo mar (aprendeu el só cartografía) e viaxou ata Whitby para atopar emprego alá no transporte de hulla.

Despois de traballar en barcos mercantes no mar Báltico, onde escalou rapidamente na mariña mercante ata chegar a comandante do Bergantín Friendship. Porén pouco despois enrolouse coma voluntario na Royal Navy para medrar socialmente, ante o inminente enfrontamento entre Gran Bretaña e Francia, que derivaría na guerra dos Sete Anos e que acabaría afectando a media Europa e ás súas colonias en América e Asia.

No conflito internacional participou no sitio do Quebec antes da Batalla da Planicie de Abraham en 1759. Demostrou talento no recoñecemento de lugares e en cartografía e foi responsábel do levantamento de planos da entrada do Río Saint Lawrence durante o asedio. O seu dominio no recoñecemento serviu durante a década de 1760 para o levantamento de planos da enrevesada costa de Terra Nova, o que o puxo no punto de mira da Royal Society.

Primeira viaxe (1768-1771)[editar | editar a fonte]

En 1768 foi escollido para dirixir o navío HMS Endeavour co rango de Lugartenente, no que debía levar os membros da Royal Society ao Tahití, para observar o tránsito de Venus, na primeira expedición científica polo Pacífico. En 1768 partiu de Plymouth, rodeou o Cabo de Fornos e cruzou o Pacífico ata chegar a Tahití o 13 de abril de 1769.

A observación do fenómeno astronómico levouse a cabo pero as conclusións non foron todo o satisfactorias que se podía agardar, xa que as diferentes medicións levadas a cabo polo propio Cook, os astrónomos Charles Green e Daniel Solander diferían máis alá do erro asumibel. Unha vez completada a primeira parte da viaxe Cook proseguiu con obxectivos de exploración. Chegou ata Nova Zelandia, cartografando toda a costa e descubrindo o Estreito de Cook, que separa a illa norte da illa sur.

Ruta da primeira viaxe de James Cook (1768-1771)

Despois partir cara o oeste para tentar chegar ata a Terra de Van Diemen, hoxe Tasmania, para determinar se formaba parte do continente Terra Australis, porén os fortes ventos desviaron o seu rumbo e chegou ata a costa suroeste de Australia, bautizando o sitio coma Punta Hicks. Seguiu a costa rumbo norte, cartografando e bautizando varios sitios, ata que tomou terra na que chamou baía Stingaree pero que pronto pasou a chamarse baía Botany. Seguiron bordeando o continente rumbo norte pero tiveron un contratempo que atrasou a marca varias semanas ao pasar pola Gran Barreira de Coral. Unha vez reparado o barco pasaron polo punto máis ao norte de Australia, o Cabo York e navegaron entre o Estreito de Torres, entre Australia e Nova Guinea, estreito navegado por primeira vez polo español Luís Váez de Torres en 1604

Despois dirixiuse a Batavia (actual Iacarta), capital das Indias Orientais Holandesas para facer reparacións. A causa desta escala gran parte da tripulación sucumbiría á malaria e a disentería, entre eles o guía tahitiano Tupaia, o secretario finés de Banks, o astrónomo Charles Green, o ilustrador Sydney Parkinson e o científico finés Herman Spöring, na honra deste último e do seu traballo durante a viaxe Cook bautizou unha illa, a Illa Söring.

Ao seu regreso a Gran Bretaña Cook publicou os seus diarios, co que se adquiriu gran popularidade entre a comunidade científica, porén a maior parte da fama levouna Joseph Banks,

Segunda viaxe (1772-1775)[editar | editar a fonte]

Réplica do HMS Endeavour.

Tralo seu regreso foi ascendido a Comandante e asignóuselle o mando de dúas naves, a HMS Resolution e HMS Adventure, co fin de atopar a Terra Australis, xa que pese ao tamaño continental da terra atopada por Cook na súa primeira viaxe grazas á súa labor cartográfica críase que dita Terra Australis estendiase cara o sur. Con esta misión parte en 1772, tomando el o temón da Resolution e deixando nas mans de Tobias Furneaux o da Adventure.

Toda a expedición trascurriu a unha latitude sur moi nunca acadada ata entón, chegando ata (70°10''S) e cruzando así o Círculo Polar Ártico o 17 de xaneiro de 1773. Na néboa antártica os dous barcos separáronse, Furneaux foi primeiro cara Nova Zelandia e despois de regreso a Gran Bretaña. Mentres Cook seguiu explorando a Antártida, de feito case chega a descubrir o continente xeado pero volveu cara o norte, en dirección a Tahití para realizar reparacións, volvería a intentar un segundo achegamento pero foi infrutuoso.

Na viaxe de retorno pasou polas Illas Friendly, Illa de Pascua e Vanuatu desmontando case totalmente o mito da Terra Australis. Nesta viaxe descrubironse as Illas Cook e empregouse exitosamente o cronómetro K1, que permitía a medición da lonxitude dunha maneira máis precisa.

Terceira viaxe (1776-1779)[editar | editar a fonte]

James Cook no anverso do medio dólar do Sesquicentenario de Hawai (1928).

Trala segunda viaxe Cook acadou o rango naval de Capitán e concedéuselle un retiro coma capitán do Hospital de Greenwich, porén preferiu seguir navegando, asumindo a misión de atopar o Paso do Noroeste, cruzando o Pacífico e cruzando por este paso ao Océano Atlántico, mentres que outra misión tentaría o proceso inverso, cruzar dende o Atlántico ao Pacífico.

Con esta misión en 1776 toma o mando dos navíos HMS Resolution e o HMS Discovery, na que sería a súa terceira viaxe ao Pacífico. El tomaría outra vez a dirección do Resolution namentres que o Discovery estaría ás ordes do Capitán Charles Clerke.

A primeira etapa da viaxe foi ata Tahití, collendo despois rumbo norte e chegando ata as actuais Illas Hawaii, que el bautizou como Illas Sandwich polo IV Conde de Sandwich, John Montagu, por aquel entón máximo responsable da Royal Navy. Tras varios problemas que fixeron máis longa do previsto a estancia en dito arquipélago, Cook seguiu rumbo leste para explorar e cartografar a costa oeste de América do Norte, dende California ata o Estreito de Bering. Porén non foi quen de atravesar o estreito malia os varios intentos que fixo, desfacendo o camiño e volvendo a Hawai.

Chega de novo a Hawai en 1779 e pouco despois, o 14 de febreiro, cométese un roubo, uns nativos rouban un bote pertencente a Cook. A practica común en Tahití e noutras illas era tomar reféns ata que apareza o roubado pero Cook planea tomar como refén ao rei de Hawaii, Kalaniopuu, o que produce un gran altercado no que se dispara contra os nativos e estes matan a Cook.

Trala morte de James Cook Charles Clerke fíxose cargo da expedición e realizou un último intento de cruzar o Estreito de Bering, porén en 1780 estaban de volta en Londres sen conseguir o obxectivo.

Legado[editar | editar a fonte]

A distinción de Cook e a súa grande habilidade poden ser atribuídas á combinación da excelente arte no mar, a súa superior capacidade de recoñecemento e soltura no levantamento de planos, coraxe na exploración de lugares perigosos para confirmar os datos (por exemplo: baixou numerosas veces até o círculo polar antártico e explorou a Gran Barreira de Coral) e o seu sangue frío xunto coa procura das cadencias nas súas exploracións e o ir máis aló das instrucións dadas dende o Almirantado.

Cook ficou coñecido pola preocupación coa saúde e a alimentación da súa tripulación, obrigándoos a comer cítricos e chucrut, aínda que non se sabía porque estes alimentos evitaban a enfermidade. Na súa primeira viaxe, ningún membro da tripulación morreu de escorbuto, doenza causada pola falta de ácido ascórbico no organismo e responsábel da morte de moitos mariñeiros até o século XVIII. É considerado o pai da Oceanía.

As rutas do capitán James Cook. A primeira viaxe en cor vermella, a segunda viaxe en cor verde e a terceira viaxe en azul. A ruta da tripulación de Cook seguida despois da súa morte en liña descontinua en azul.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. wikisource (ed.). 1911 Encyclopædia Britannica/Cook, James (en inglés). Consultado o 8 de xaneiro do 2016. Artigo sobre "James Cook" na Encyclopædia Britannica (1911) 
  2. Biografías y Vidas (ed.). "James Cook". La enciclopedia bibliográfica en linea (en castelán). Consultado o 28 de decembro do 2015. 
  3. 3,0 3,1 por Collingridge (2002)
  4. James Lind. A treatise of the scurvy, 1753.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Beaglehole, John Cawte. Journals. do biógrafo de Cook e editor dos seus escritos.
  • Capper, Paul. Life in the Royal Navy (1755-1767), The Captain Cook Society: Cook's Log, 1985–1996.
  • Collingridge, Vanessa (Feb. 2003). Captain Cook: The Life, Death and Legacy of History's Greatest Explorer, Ebury Press, ISBN 0-09-188898-0.
  • Forster, Georg. A Voyage Round the World, ed. 1986 (publicado por primeira vez en 1777 como: A Voyage round the World in His Britannic Majesty's Sloop Resolution, Commanded by Capt. James Cook, during the Years, 1772, 3, 4, and 5), Wiley-VCH (1 de xaneiro de 1986). ISBN 978-3-05-000180-7
  • Horwitz, Tony (Oct. 2003). Blue Latitudes: Boldly Going Where Captain Cook Has Gone Before, Bloomsbury, ISBN 0-7475-6455-8
  • Lind, James (1753). A treatise of the scurvy.
  • Obeyesekere, Gananath (1992). The Apotheosis of Captain Cook: European Mythmaking in the Pacific Princeton University Press. ISBN 0-691-05752-4.
  • Rigby, Nigel; van der Merwe, Pieter. Captain Cook in the Pacific. National Maritime Museum, Londres UK, 2002. ISBN 0-948065-43-5.
  • Sydney Daily Telegraph (1970). Captain Cook: His Artists - His Voyages. The Sydney Daily Telegraph Portfolio of Original Works by Artists who sailed with Captain Cook. Australian Consolidated Press, Sydney.
  • Villiers, Alan John. «James Cook, Seaman». Quadrant, vol. 1, 1 (Summer 1956–57), pàg. 7–16.
  • Villiers, Alan John (1903). Captain James Cook. Newport Beach, CA: Books on Tape, 1983.
  • Williams, G. (ed. 1997). Captain Cook's Voyages: 1768-1779. The Folio Society, Londres.
  • Williams, G. (Prof., 2002). Captain Cook: Explorer, Navigator and Pioneer, BBC History 2002

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]