Saltar ao contido

Roberto Losada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRoberto Losada

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento25 de outubro de 1976 Editar o valor en Wikidata (48 anos)
Vigo, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1995 Editar o valor en Wikidata -
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1994–1997   Real Oviedo-Vetusta 55(23)
1996–2003   Real Oviedo 103(18)
1998–1999 cesión   Club Deportivo Toledo 37(8)
2002–2002 cesión   RCD Mallorca 13(4)
2003–2006   Real Valladolid 67(13)
2007–2007   UD Las Palmas 17(0)
2007–2010   CD Lugo 95(21)
2010–2012 Kitchee SC 32(17)
2012– Resources Capital FC
  Selección nacional Número de eventos xogados Puntos/goles/tantos anotados
2005–2008   Galicia 3(1)

Roberto Losada Rodríguez, coñecido como Chino Losada, nado en Vigo o 25 de outubro de 1976, é un ex futbolista e actual adestrador de fútbol galego. Xogaba de dianteiro e dende 2021 adestra o Eastern SC, da Primeira División de Hong Kong.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como futbolista

[editar | editar a fonte]

Nacido en Vigo, estudou no Colexio Pereiró, onde comezou a xogar ao fútbol, antes de ingresar no Sárdoma, onde axiña comezou a destacar.[1] Habitual nas convocatorias das categorías inferiores da selección galega, chamou a atención do Oviedo, a cuxa canteira se incorporou en 1994 tras rexeitar unha oferta do equipo xuvenil do Celta de Vigo.[1]

Na segunda metade da tempada 1994/95 debutou na Segunda División B co Oviedo B e sumou 4 goles en 12 partidos, pero non puido evitar o descenso do equipo a Terceira. O 3 de setembro de 1995 debutou co primeiro equipo do Oviedo na Primeira División, no partido da primeira xornada da tempada 1995/96 ante o Real Zaragoza na antiga Romareda, encontro no que substituíu no minuto 78 a Paco Sanz.[2] Ao longo da tempada compaxinou o filial co primeiro equipo, disputando un total de 16 encontros co equipo principal. A pesar de contar con só dúas titularidades no equipo de Iván Brzić, asinou tres goles en Primeira, o primeiro deles nun mesmo partido ante o Valladolid en Zorrilla. Co filial asinou esa campaña 6 goles en 12 partidos na liga, así como catro tantos máis na promoción, contribuíndo así ao ascenso á Segunda B.

Na tempada 1996/97 apenas tivo oportunidades no primeiro equipo, dirixido por Juanma Lillo, pero foi titular indiscutible no filial, onde se revelou como un dos mellores dianteiros da categoría, ao anotar 16 goles en 31 partidos. A chegada do uruguaio Tavárez ao banco do primeiro equipo non mudou a súa situación persoal e cando este foi substituído por Fernando Vázquez, o adestrador galego recomendoulle saír cedido a un equipo de Segunda en busca de máis minutos.[1]

Cesión ao Toledo
[editar | editar a fonte]

Así, na campaña 1998/99 xogou cedido no Toledo, equipo que dirixía Gregorio Manzano. Alí formou unha prolífica dupla goleadora con Quini, levando o equipo ata a sétima praza da categoría de prata, o segundo mellor resultado na historia do club.

Regreso a Oviedo
[editar | editar a fonte]

Na 1999/00 regresou ao Oviedo, xa como membro a todos os efectos do primeiro equipo. Ás ordes de Luis Aragonés, disputou un total de 39 partidos, 35 deles como titular, e foi o segundo máximo goleador do equipo con 7 dianas, superado só polas 11 do panameño Dely Valdés. Na seguinte tempada contou coa confianza absoluta de Radomir Antić que o aliñou como titular nos primeiros 16 partidos de liga, pero a súa ascendente traxectoria viuse truncada o 20 de decembro de 2000, nun partido contra o Deportivo da Coruña en Riazor, no que un choque fortuíto contra o gardameta Molina lle provocou unha fractura de tibia e peroné.[3][1]

A pesar da gravidade da lesión, que o mantivo afastado dos terreos de xogo durante máis dun ano (período no que o Oviedo baixou a Segunda), en novembro de 2001, na fase final da súa recuperación, foi incorporado polo Mallorca, da Primeira División.[4] Non puido xogar co conxunto de Sergije Krešić ata xaneiro, pero reapareceu a bo nivel, marcando catro goles nos seus primeiros cinco partidos.

Volta a Oviedo

[editar | editar a fonte]

A continuación regresou a Oviedo e disputou a fatídica tempada 2002/03, na que o club asturiano descendeu deportivamente ata a Segunda División B, e a continuación foi descendido administrativamente ata Terceira por mor das débedas.[5] Pechou o seu paso polo Oviedo cun total de 111 partidos e 18 goles.

Valladolid

[editar | editar a fonte]

No verán de 2003 fichou polo Real Valladolid,[6] co que marcou 8 goles en 31 partidos, o que foi insuficiente para salvar o equipo do descenso á Segunda División. Militou dúas campañas e media máis no club valisoletano, sumando 80 partidos e 14 goles. Na tempada 2006/07 non contou coa confianza do adestrador Mendilibar, polo que deixou o club en xaneiro, poñendo rumbo ao Las Palmas.[7]

Cesión á UD Las Palmas
[editar | editar a fonte]

No club canario xogou 17 partidos ata o final da tempada, 9 deles como titular, e non conseguiu ver portería.

No verán de 2007 regresou ao fútbol galego despois de 13 anos fóra, asinando como novo xogador do Lugo, da Segunda B.[8] Militou tres anos no club lucense, todos na categoría de bronce, rendendo a un bo nivel.[9] Xogou un total de 96 partidos, 80 deles como titular, e marcou 21 goles.

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Gómez, Pablo (30 de xaneiro de 2002). "«A ver si descolocamos al Celta como al Alavés»". La Voz de Galicia (en castelán). p. 39. 
  2. "Zaragoza - Oviedo". BDFutbol (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2025. 
  3. "Losada: "Estoy en deuda con el Mallorca por ficharme lesionado"". As (en castelán). 16 de novembro de 2001. Consultado o 21 de xuño de 2025. 
  4. "El Mallorca ficha al «Chino» Losada, del Oviedo". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de novembro de 2001. p. 41. 
  5. "Las deudas llevan al Oviedo a Tercera División". El Mundo (en castelán). 2 de agosto de 2003. Consultado o 21 de xuño de 2025. 
  6. ""El Chino" Losada al Pucela" (en castelán). 1 de agosto de 2003. Consultado o 21 de xuño de 2025. 
  7. "Losada: "Vengo a la UD Las Palmas para volver a sentirme futbolista"" (en castelán). 19 de xaneiro de 2007. Consultado o 21 de xuño de 2025. 
  8. "El Lugo arranca hoy la Liga con la visita del Alcorcón". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de agosto de 2007. p. 45. 
  9. De Dios, Marta (2 de xullo de 2015). "El recurso de los mediáticos del Lugo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de xuño de 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]